Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump chama "ditador" a Zelenski e avísao de que se non actúa rápido, o seu país desaparecerá

Trump chama "ditador" a Zelenski e avísao de que se non actúa rápido, o seu país desaparecerá

O presidente ucraniano advirte que Trump está "atrapado nunha burbulla de desinformación"

Macron insiste en que a negociación para alcanzar a paz na guerra de Ucraína debe ter en conta as preocupacións ucraínas e europeas

O presidente Donald Trump/Contacto/Jim LoScalzo/Europa Press
G24.gal 19/02/2025 18:16 Última actualización 19/02/2025 20:57

O presidente de Estados Unidos, Donald Trump, chamou "ditador" ao seu homólogo ucraíno, Volodimir Zelenski, e advertiulle de que, se non actúa "rápido", o seu país podería desaparecer.

"Un ditador sen eleccións. Zelenski máis vale que se mova rápido ou quedará sen país", escribiu Trump na súa rede social, Truth Social, onde criticou o mandatario ucraíno por "negarse a celebrar eleccións" e por estar "moi baixo nas enquisas en Ucraína".

A mensaxe de Trump supón unha subida de ton despois de que o martes xa culpase a Ucraína de iniciar a guerra con Rusia e ridiculizara a Zelenski como un negociador ineficaz e "sumamente incompetente".

"Pensádeo ben: un cómico de éxito moderado, Volodimir Zelenski, convenceu os Estados Unidos de gastar 350.000 millóns de dólares nunha guerra que non se podía gañar, que nunca tivo por que empezar, pero que el, sen os EUA e sen Trump, nunca poderá resolver", escribiu Trump.

Zelenski responde a Trump: "Está atrapado nunha burbulla de desinformación"

"Está atrapado nunha burbulla de desinformación", dixo Zelenski desde Kiev, e engadiu que lle gustaría que o seu equipo tivese "máis verdade" sobre Ucraína.

Tamén reprochou a Trump por axudar a Putin a saír do illamento e advertiu de que "ninguén en Ucraína confía en Putin". Ademais, asegurou que os estadounidenses lle propuxeron ceder o 50 % dos recursos naturais ucraínos a cambio de nada. "Non podo vender o noso país", xustificou.

Macron insiste en que a paz debe ter en conta a Kiev e Europa

O presidente francés recalcou que a negociación para alcanzar a paz na guerra de Ucraína debe ter en conta as preocupacións ucraínas e europeas.

"Compartimos o obxectivo, que é tamén o do presidente Donald Trump, de poñer fin á guerra de agresión que Rusia leva a cabo desde fai case tres anos", indicou Macron nunha mensaxe en X. 

Recalcou que eses esforzos, nos que a Administración Trump por agora deixou de lado a Kiev e aos europeos para falar unicamente con Moscova, deben continuar "respectando" tres principios.

O primeiro é que "Ucraína debe estar sempre asociada e os seus dereitos respectados". O segundo principio é que "a paz deberá ser duradeira e acompañada de garantías robustas e cribles", e o terceiro que "as preocupacións dos europeos sobre a seguridade deberán ser tidas en conta".

"Estamos á beira de Ucraína e asumiremos as nosas responsabilidades para asegurar a paz e a seguridade en Europa", recalcou.

En paralelo, o asesor de Seguridade Nacional da Casa Branca, Mike Waltz, anunciou que o xefe de Estado francés viaxará a Washington a próxima semana.

O diñeiro "desaparecido"

Trump asegurou que o país gastou 200.000 millóns de dólares máis que Europa nesta causa e preguntouse por que o seu antecesor, Joe Biden, ao que despectivamente chama "Sleepy Joe Biden", non esixiu unha repartición máis equitativa do gasto.

"Esta guerra é moito máis importante para Europa que para nós. Temos un gran e fermoso océano que nos separa", afirmou Trump, repetindo unha idea que expresou noutras ocasións e que reflicte a súa visión illacionista dos EUA".

Os países europeos, incluíndo a Unión Europea, enviaron máis axuda a Ucraína que EUA, cunha asignación de 132.000 millóns de euros fronte aos 114.000 millóns de Washington, aínda que este si supera a Europa na entrega de axuda militar, segundo datos oficiais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade