Publicador de contidos
Publicador de contidos

Trump ordena desclasificar os arquivos sobre as mortes dos Kennedy e de Luther King

Trump ordena desclasificar os arquivos sobre as mortes dos Kennedy e de Luther King

A Casa Branca colgou na súa páxina web que as familias dos afectados e a poboación "merecen transparencia e verdade"

Yuri Gripas - Pool via CNP / Zuma Press / Europa Press
G24.gal 24/01/2025 08:31

O presidente de Estados Unidos Donald Trump asinou este xoves unha orde executiva para desclasificar os arquivos relacionados cos asasinatos do expresidente John F. Kennedy (JFK), do exfiscal xeral Robert F. Kennedy e do activista polos dereitos civís Martin Luther King Jr.

"Esta é unha grande. Moita xente está a esperala desde hai anos, décadas. Todo se vai revelar", dixo ao asinar esa orde no Despacho Oval da Casa Branca.

A Casa Branca colgou na súa páxina web que as familias dos afectados e a poboación "merecen transparencia e verdade": "Á nación interésalle difundir finalmente todos os rexistros relacionados con eses asasinatos sen demora".

Ese documento sinala que nos próximos 15 días o director nacional de intelixencia e a fiscalía deben presentar un plan relativo á publicación dos arquivos relacionados con JFK e que de aquí aos próximos 45 débese facer o propio cos outros dous.

John F. Kennedy gobernou os Estados Unidos do 20 de xaneiro de 1961 ao 22 de novembro de 1963. Ese día foi asasinado mentres viaxaba nun vehículo convertible por Dallas, en Texas.

O exfrancotirador da Mariña Lee Harvey Oswald deulle na cabeza cun disparo. Aínda que segundo a investigación oficial actuou en solitario, persisten teorías da conspiración respecto diso.

Os Arquivos Nacionais xa liberaran documentos, pero había outros retidos por motivos de seguridade. A Casa Branca apuntou en xuño de 2023, baixo o mandato de Joe Biden (2021-2025), que os Arquivos Nacionais xa fixeran públicos o 99 % dos seus rexistros.

"Determinei que a retención de información dos rexistros relacionados co asasinato do presidente John F. Kennedy non é coherente co interese público e que a publicación destes rexistros debería facerse hai moito tempo", apuntou este xoves Trump, que asumiu o seu segundo mandato o pasado luns.

O líder republicano engadiu que aínda que ningunha lei do Congreso ordena a divulgación de información relacionada cos asasinatos de Robert F. Kennedy (RFK) e de Martin Luther King Jr., el tamén considera de interese público que se dean a coñecer os rexistros en posesión do Goberno federal.

O exfiscal xeral e exsenador, irmán de JFK, foi asasinado no Hotel Ambassador dos Ánxeles, California, o 5 de xuño de 1968 pouco despois de lograr a vitoria nese estado nas primarias demócratas. O seu fillo, Robert F. Kennedy Jr., está nomeado por Trump para ser o secretario de Saúde do seu gabinete.

En abril de 1968, dous meses antes do magnicidio de Robert F. Kennedy, Martin Luther King Jr., unha das principais figuras na loita contra o segregacionismo e pola xustiza social, foi abatido no balcón do hotel Lorraine de Memphis (Tennessee).

Trump anunciou durante a campaña a súa intención de que se puxesen ao dispor da xente os devanditos rexistros e reiterou esa promesa no baño de masas que o luns se deu no estadio Capital One Area de Washington pouco despois da toma de posesión. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade