Trump, en Davos: "Fabriquen nos Estados Unidos ou paguen aranceis"
Trump, en Davos: "Fabriquen nos Estados Unidos ou paguen aranceis"
Asegura que "a UE trátanos de maneira moi inxusta"e que Washington vai tomar medidas, pero "sendo construtivo"
Di que se baixase o prezo do petróleo, a guerra entre Rusia e Ucraína remataría, polo que instou a Arabia Saudita e á OPEP a baixar o cru
O presidente estadounidense, Donald Trump, instou este xoves as empresas globais a "fabricar nos Estados Unidos" ou "simplemente pagar aranceis" durante o seu discurso no Foro de Davos (Suíza).
"Se non fabrican o seu produto nos Estados Unidos, o cal é a súa prerrogativa, entón simplemente terán que pagar un arancel, de montos variables", avisou Trump, que participou en remoto desde a Casa Branca.
O mandatario, que se escusou por non estar presencialmente en Davos pola proximidade da súa toma de posesión este pasado luns, prometeu a estas empresas "os impostos máis baixos na Terra" se deciden trasladar a súa produción a Estados Unidos.
"A miña mensaxe a cada empresa no mundo é moi simple: veñan fabricar o seu produto en América, e darémoslles entre os impostos máis baixos de calquera nación na Terra. Estamos a baixalos substancialmente", afirmou.
Trump tamén dixo que os aranceis "dirixirán centos de miles de millóns de dólares, e mesmo billóns de dólares" ás arcas do Tesouro estadounidenses. "Para fortalecer a nosa economía e pagar a nosa débeda", asegurou.
"A UE trátanos de maneira moi inxusta"
Na súa intervención, Trump asegurou que a Unión Europea "trátanos moi, moi inxustamente" con barreiras non arancelarias, e que Washington vai tomar medidas, pero "sendo construtivo".
Trump asegurou: "Temos centos de miles de millóns de dólares en déficit (comercial) coa UE e ninguén está feliz con iso e imos facer algo" para resolvelo.
Trump lamentou que é difícil competir na UE para as empresas estadounidenses e non "hai razóns" polas que o proceso de aprobacións dos estados membros non poida "ir máis rápido".
"Estou a tentar ser construtivo porque amo a Europa. Amo os países europeos, pero o proceso é moi complexo, pero tratan aos Estados Unidos de América moi inxustamente cos impostos do valor engadido e outros impostos que impoñen", engadiu.
O mandatario puxo como exemplo as dificultades que tivo cun dos seus negocios en Irlanda e mencionou casos como o de Apple, á que a Comisión multou por abuso de posición dominante ou por evitar pago de impostos a través de Irlanda.
Di que se baixase o prezo do petróleo, a guerra entre Rusia e Ucraína remataría
Durante a súa intervención, instou ademais a Arabia Saudita e á Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP) a baixar os prezos do cru.
"Vou pedir Arabia Saudita e á OPEP que baixen o prezo do petróleo. Teñen que reducilo, o cal, francamente, sorpréndeme que non o fixesen antes das eleccións. Non demostraron moito agarimo. Sorprendeume un pouco iso", dixo Trump.
Trump engadiu que se o prezo baixase, a guerra entre Rusia e Ucraína "terminaría inmediatamente".
"Agora mesmo o prezo é o suficientemente alto como para que esa guerra continúe. Hai que reducir o prezo do petróleo para poñer fin a esa guerra. Deberían facelo hai moito tempo. En realidade, son moi responsables, ata certo punto, do que está a suceder", recalcou.