U. D. Ourense e Arousa deixan todo por resolver no partido de volta
U. D. Ourense e Arousa deixan todo por resolver no partido de volta
Empate sen goles no campo do Couto nun partido moi parello
A Unión Deportiva Ourense e o Arousa empataron sen goles na ida da primeira eliminatoria de ascenso a Segunda Federación. Foi un partido moi parello, con máis dominio e ocasións da U. D. no primeiro tempo e que equilibraron os vilagarciáns no segundo.
Antón Guisande e David Rojo rozaron o gol no período inicial. Os dous dianteiros gozaron de ocasións claras pero non foron capaces de atopar a portería de Manu Táboas.
Na segunda metade mellorou o Arousa que avisou cun lanzamento de Borja Míguez. A xogada polémica chegou no minuto 59 cun claro derrubo de Ramón a Sylla que foi castigado con cartón amarelo cando os visitantes pedían o vermello directo.
Conforme pasaban os minutos os dous equipos volvéronse máis conservadores e acabaron dando por bo o empate co que a resolución da eliminatoria será o vindeiro domingo no campo da Lomba.