Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha ollada ao pasado e ao presente do sector leiteiro galego

Unha ollada ao pasado e ao presente do sector leiteiro galego

A evolución nos últimos cincuenta anos levou o leite de Galicia a ser referente na UE

Das casas con menos de cinco vacas ás grandes explotacións de frisoa

G24.gal 15/06/2024 15:30

En grandes e modernas naves, pacendo no prado, muxidas por robots ou de produción ecolóxica. Son moitos os modelos de explotación leiteira que hai hoxe en Galicia, pero todos teñen unha orixe común: as pequenas granxas familiares con rabaños cativos de vacas do país. A conversión daquel sistema rudimentario nunha incipiente industria comezou no inicio dos anos 70.

"Daquela a produción era moi pequena. Con vacas do país e co leite en bidóns. Nós empezamos con 100 litros diarios ou menos", di Aquilino Rodríguez, gandeiro xubilado

O bidón, un sinxelo recipiente metálico supuxo a primeira gran revolución do sector. Permitiu almacenar o leite de xeito máis saneado e animou a industrias e gandeiros a incrementar a produción. O leite saía así dos mercados de proximidade e chegaba diariamente aos núcleos urbanos. Un chanzo no que a figura dos leiteiros foi decisiva igual que é hoxe.

"Era moi laborioso porque había que cargar moitos bidóns. E había moitísimas explotacións", Antonio Rodríguez, leiteiro

A chegada das vacas frisoas, dos tanques de frío ou dos pensos e os traballos en xenética aumentaron o tamaño e número das explotacións, chegou a haber máis de 100.000 hai corenta anos. E, sobre todo, o ingreso na Unión Europea levou á profesionalización do sector. Implantouse o sistema de cotas para regular a cantidade dunha produción que cada vez tiña que pasar máis controis sanitarios e de calidade e as vacas cambiaron de vida.

"Antes dos pensos dábaselles herba e fariña. E as vacas traballaban".

"Empezamos cunha cisterna de 6.000 litros e con moitas paradas. Hoxe 6.000 litros tenos un só gandeiro".

A aparición das cooperativas e das asociacións de control de rendementos, os AFRICOR, deron pulo o sector. Virían tamén a supertaxa, a caída de prezos e as conseguintes tratoradas, uns conflitos que forman parte da historia do leite, como tamén o forman o despegue das empresas de maquinaria, servizos veterinarios e de nutrición e máis recentemente o benestar animal. En 2015 desapareceron as cotas e a produción de leite tivo que adaptarse.

"Os anos 90 foron de moito despegue e pagábase o leite mellor ca hoxe. Pero estabamos condicionados polas cotas", Aquilino Rodríguez, gandeiro xubilado.

Hoxe hai preto de 6.000 explotacións, que producen tres millóns de toneladas anuais de leite que converten a Galicia na oitava rexión produtora da UE. Cada vez hai máis mulleres á fronte das granxas e moitas ganderías deron o paso de elaborar derivados co seu propio leite, tanto para dotalo de valor engadido como para non depender dos prezos que fixan as industrias.

"A miña avoa comezou con catro vacas. E nós hoxe somos gandeiros e queixeiros e ela encantada", Gemma Modia, gandeira e empresaria.

Os mozos que se incorporan teñen cada vez máis formación e deciden aplicar os seus coñecementos as granxas ou mesmo compatibilizar a gandería con outro emprego dentro do sector.

"Se isto é rendible, podemos ter futuro. Aínda que, como en cada empresa, sempre tes que estar pendente de que poida pasar algo", María Manteiga, gandeira e enxeñeira agrónoma

Dise que o sector leiteiro é unha carreira de fondo sen fin na que gaña quen segue correndo. En Galicia leva máis de 50 anos transformándose e sempre para mellor.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos