Batalla campal en Maracaná e triunfo da Arxentina no último clásico de Messi

O partido comezou con media hora de retraso por unha lea entre a policía e os afeccionados arxentinos

Otamendi marcou o gol e deixa a Brasil cuns números pésimos na fase de clasificación para o Mundial

G24.gal 22/11/2023 07:17

Arxentina impúxose a Brasil 0-1 no clásico disputado en Maracaná. Confirmouse como líder da clasificación das eliminatorias suramericanas para o Mundial de 2026 e afundiu unha Canarinha que nunca antes na historia perdera tres partidos seguidos nas eliminatorias. 

O partido comezou con case media hora de atraso por unha liorta na tribuna en que estaban os seareiros arxentinos. A actuación policial provocou que os xogadores, liderados por Messi, tentasen calmar os ánimos e ante o fracaso da súa tentativa decidiron marchar durante vinte minutos aos vestiarios ata que se controlase a situación. 

O único gol do partido marcouno Otamendi no minuto 62. Brasil meteu un equipo moi ofensivo con catro dianteiros, pero a estratexia non lle saíu ben a un Fernando Diniz cuxa cabeza pediron unha vez rematou o encontro.

Arxentina queda con 15 puntos á fronte do grupo suramericano e Brasil está máis preto da cola que da cabeza con só sete puntos e sumido nunha gran crise. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade