Publicador de contidos

Publicador de contidos

'Unha inimiga do pobo', de Talía Teatro, gran triunfadora nos Premios María Casares 2024

'Unha inimiga do pobo', de Talía Teatro, gran triunfadora nos Premios María Casares 2024

A peza gañou sete dos nove galardóns a que aspiraba

A obra de Talía Teatro levou, entre outros, o premio ao mellor espectáculo, á mellor actriz para Marta Lado e á mellor dirección para Tito Asorey, compartido con Quico Cadaval por O auto do Castromil 

María Barcala foi recoñecida coa distinción de honra Marisa Soto

 

A obra 'Unha inimiga do pobo', de Talía Teatro, recibe o premio ao mellor espectáculo durante a gala de entrega dos XXVIII Premios de Teatro María Casares, este xoves na Coruña (EFE / Moncho Fuentes)
G24.gal 22/03/2024 08:16

A obra Unha inimiga do pobo de Talía Teatro foi a gran triunfadora dos XXVIII Premios María Casares, que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia entregou na noite deste xoves no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

A produción gañou sete dos nove galardóns a que aspiraba: mellor espectáculo, dirección, adaptación-tradución, actriz protagonista, actor secundario, espazo escénico e iluminación.

O auto do Castromil, de Producións Teatrais Excéntricas en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG), logrou dous premios (dirección e vestiario) e Deadpan Karaoke, de Ibuprofeno Teatro, gaña tamén en dúas categorías (maquillaxe e espazo sonoro). Nanai da China, de Pérez&Fernández, leva o premio ao mellor espectáculo de monicreques e Crisálida, de Caramuxo Teatro, faise co de mellor espectáculo infantil.

O premio á dirección compárteno Quico Cadaval (O auto do Castromil) e Tito Asorey (Unha inimiga do pobo), o de actriz protagonista foi para Marta Lado (Unha inimiga do pobo), actor protagonista foi para Toni Salgado (Shakespeare en Roma, do CDG), o de actriz secundaria para María Roja (Entrega en man, de Contraproducións) e o de actor secundario levouno Toño Casais (Unha inimiga do pobo).

María Barcala recibiu ou galardón de honra Marisa Soto, co que a profesión recoñece o labor de persoas ou institucións a prol do sector escénico.

Dezanove espectáculos chegaron como finalistas á gala, que se celebrou baixo a dirección de Sara Fandiño e rendeu homenaxe ao teatro musical.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar