Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Centro Dramático Galego celebra 40 anos de fogar da profesión teatral

O Centro Dramático Galego celebra 40 anos de fogar da profesión teatral

Un 27 de marzo, hai 40 anos, a Xunta tomaba a decisión de crear o Centro Dramático Galego

Catro décadas de traxectoria deixan xa máis de 100 producións e un resistente tecido cultural e humano

G24.gal 26/03/2024 13:18

Nacía un día do teatro, un 27 de marzo do ano 1984. Desa época é Agasallo de sombras, de Roberto Vidal Bolaño, a segunda de máis de 100 producións. 

"Hai que ter en conta que estabamos a principios dos 80. Estábase afianzando o estado autonómico e era necesario construír unha arquitectura institucional en diferentes ámbitos, no xurídico, no político e, por suposto, tamén no cultural", apuntou Román Rodríguez, o Conselleiro de Cultura.

Unha das primeiras traballadoras, Manuela Domínguez, lembraba esa época inicial, onde aínda había que explicalo case todo: que era un tremoeiro, un carpinteiro de escenografía, un técnico de son, de luz, unha xastra, un rexedor de escena... Porque, reivindica Manuela, todos os oficios son necesarios para a narrativa teatral, para que a través dos actores nos cheguen as ideas e as emocións, de Castelao ou Dieste, de Camus e Lorca, de Shakespeare ou Molier, e en galego.

"Co obxectivo de ser un servizo público de calidade, este ano a nosa programación chegará desde os concellos máis pequenos, como Negueira de Muñiz, ata polos culturais internacionais como Lisboa ou Montevideo", anunciou Fran Núñez, o director do CDG. 

Actos cada mes, a partir da estrea o 11 de abril da obra de Tamara Canosa e Xacio Baño Os actos e as profecías, que trata -explican- desa mestura de pánico e entusiasmo na que se moven os que teñen dentro o becho. "E o becho é esa necesidade. Fas iso porque non serías feliz facendo outra cousa, pero todos os días estás en plan, por que non opositei?", chanceou a Directora de Os actos e as profecías. Un becho ao que hoxe todos desexan polos menos outras 40 primaveras máis.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar