'Picasso, branco no recordo azul' pódese visitar na Coruña a partir deste venres
'Picasso, branco no recordo azul' pódese visitar na Coruña a partir deste venres
A mostra pretende reivindicar a pegada que Galicia deixou no artista
A exposición estará ata o 25 de xuño no Museo de Belas Artes
O Museo de Belas Artes da Coruña acolle a mostra Picasso, branco no recordo azul. A súa apertura ao público terá lugar este venres e poderá visitarse ata o 25 de xuño. A inauguración oficial foi este xoves coa presenza do ministro de Cultura e do presidente da Xunta, entreoutras autoridades.
Trátase da única exposición que acollerá Galicia dentro da programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023, que busca homenaxear o artista no 50 aniversario do seu falecemento. Reivindicar a "pegada galega" na traxectoria de Picasso é un dos obxectivos desta exposición. Organizouse ademais unha programación paralela, con case un centenar de actividades, entre conferencias, música, cinema, visitas guiadas ou obradoiros en familia.
Tanto no acto como en declaracións previas aos medios, o ministro de Cultura destacou a formación "decisiva" do artista na cidade herculina, onde estivo de neno ata antes de cumprir os 14 anos.
"Cando falamos do Picasso azul, pensamos nese azul Mediterráneo, pero esta exposición lémbranos esa etapa que pasou na Coruña". "Tivo tamén un azul Atlántico moi potente como só A Coruña sabe darnos", engadiu Miquel Iceta, en referencia á etapa galega do artista. "Esta exposición cobre un certo baleiro", indicou a este respecto o ministro, que destacou que o artista "eclosionou" na Coruña. Por iso, incidiu na importancia desta mostra para dar a coñecer "o que moitos descoñecen".
Pola súa banda, o presidente da Xunta cualificouna como unha "magnífica oportunidade" para reivindicar a "orixe" de Picasso na cidade. No seu discurso, reivindicouno como "galego" ao lembrar que estivo en Galicia durante catro anos. "Unha pegada profunda", expuxo tamén sobre esta etapa da súa vida. Ademais, aludiu ao feito de que o artista teña "tantas facetas" para "enriquecer" ao que contemple a súa obra. "Reivindiquemos con orgullo ese triángulo que forman Barcelona-Málaga e A Coruña para entender a un dos artistas máis xeniais do século XX", asegurou tamén, Alfonso Rueda.
Mentres, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, remarcou que a cidade "influíu para sempre" en Picasso polos retratos que fixo da vida cotiá ou a influencia que tivo o mar na súa obra. "Esta mostra será o eixo central de máis de 30 actividades organizadas na cidade para honrar o pintor", destacou tamén.
50 anos do pasamento
O 8 de abril é o 50 aniversario da morte do artista español Pablo Picasso, evento que marca a celebración da súa obra e a súa herdanza artística en Francia, España e internacionalmente. Os gobernos de Francia e España acordaron traballar conxuntamente nun programa internacional a través dunha comisión binacional que reúne ás administracións culturais e diplomáticas dos dous países. A Celebración Picasso 1973-2023 xira arredor dunhas 50 exposicións e eventos.