50 bolseiros do IGAPE buscarán mercados ás pemes galegas en destinos de todo o mundo
50 bolseiros do IGAPE buscarán mercados ás pemes galegas en destinos de todo o mundo
Promoverán a exportación galega en destinos como Australia, Corea do Sur, A China ou O Canadá
O programa destina 3 millóns de euros á formación especializada de 50 mozos galegos
"Eu vou á oficina comercial de Otawa, no Canadá, marcho xa en xaneiro e a miña idea é promover as relacións comerciais de Galicia con esta zona".
"Eu o que quero é aprender moitísimo, tocar moitos paus do comercio internacional, todo o que poida, e perfeccionar o inglés primeiro desde Galicia para logo elixir destino o ano que vén".
Aloxi e Alberto son dous dos 50 mozos con bolsa do IGAPE dispostos a abrir portas ás pemes galegas en destinos como A China, Emiratos Árabes, Australia, Corea ou O Canadá.
"No Canadá, por exemplo, o sector co que máis traballa Galicia é o pesqueiro e tamén hai empresas de sectores punteiros como o aeroespacial con galegas como Alén Space que xa están despuntando", engade Aloxi Centeno, unha das bolseiras.
"Do que se trata é de que busquen información e analicen posibilidades de mercado para empresas galegas, sobre todo das máis pequenas que son as que máis difícil o teñen", explica Alberto Fernández, técnico de Internacionalización do IGAPE.
Despois dunha formación previa en Galicia, pasarán dous anos aprendendo o oficio en oficinas comerciais de todo o mundo. Unha formación práctica que facilita, e moito, a súa inserción laboral.
"Moitas veces non chegan a rematar a bolsa porque lles xorden oportunidades laborais moi interesantes, mesmo nos destinos estranxeiros nos que gozan da bolsa", afirma Alberto Fernández.
Máis de 400 mozos se teñen beneficiado deste programa de bolsas, que leva máis de 30 anos promovendo a presenza das empresas galegas no exterior. Unha actividade, a da exportación, que o pasado ano superou a barreira dos 30.000 millóns de euros.