Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Conferencia de Presidentes acaba en Santander sen acordos concretos

A Conferencia de Presidentes acaba en Santander sen acordos concretos

Filipe VI, acompañado por Pedro Sánchez, saúda o presidente da Xunta Filipe VI, acompañado por Pedro Sánchez, saúda o presidente da Xunta
G24.gal 13/12/2024 17:09 Última actualización 13/12/2024 17:24

A XXVII Conferencia de Presidentes celebrada este venres en Santander concluíu sen acordos concretos tras cinco horas de intervencións por parte do xefe do Executivo, Pedro Sánchez, e dos presidentes autonómicos ao redor da vivenda, a inmigración, a sanidade e o financiamento autonómico.

Sánchez abandonou antes das 16:00 horas o Palacio da Madalena e os presidentes autonómicos comezaron a facer os seus balances ante a prensa, a maioría con ton desencantado e con críticas á falta de planificación previa do encontro.

"Unha mera posta en escena", manifestou o andaluz Juanma Moreno; "unha oportunidade perdida", sinalou o canario, Fernando Clavijo. 

Rueda ve imposible pactar o financiamento con negociacións bilaterais

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou este venres que é "absolutamente imposible" que se chegue a un acordo sobre o modelo de financiamento autonómico se o Goberno insiste en negociar de forma bilateral.

"O presidente Sánchez volveu a enunciar o seu convencemento de acordos bilaterais con todos, pero é absolutamente imposible", dixo o mandatario autonómico na rolda de prensa posterior á súa participación na Conferencia de Presidentes.

Engadiu, ademais, que na súa intervención pediu ao presidente do Goberno que free "calquera posibilidade de concerto" e urxiu a convocatoria do Consello de Política Fiscal e Financeira para aprobar un novo sistema de financiamento autonómico, a pesar de que parece que o "único compromiso" é abordar a condonación da débeda, algo que para a Comunidade galega non é prioritario, lembrou.

O presidente da Xunta lamentou que na reunión desta xornada "a vontade de chegar a acordos" por parte de Pedro Sánchez foi "moi escasa", polo que asegurou que non é moi optimista coa intención do Goberno de atender as peticións "maioritarias" das comunidades.

Clavijo valora que ninguén se opoña á repartición de menores inmigrantes

O presidente de Canarias, Fernando Clavijo, considera que a Conferencia de Presidentes foi "unha oportunidade perdida" porque non se logrou "ningún acordo", aínda que valora que ninguén se opuxo á proposta que realizou co País Vasco para promover unha "repartición extraordinaria" de menores migrantes que "quite presión" aos territorios saturados.

"Ninguén estivo en contra", subliñou en conferencia de prensa en Santander o presidente canario, quen entende que iso axudará a buscar "unha figura xurídica" que permita esa repartición extraordinaria ata que se determine un sistema automático e estable como o que se derivaría da reforma do artigo 35 da Lei de Estranxeiría.

Clavijo valora que o resto de comunidades sexan conscientes da situación de Canarias, onde en 2024 chegaron máis de 43.000 migrantes por vía marítima, entre eles 5.885 menores, pero reiterou que lle gustaría que se pechase un acordo para esa repartición extraordinaria que alivie os recursos saturados de Canarias e de Ceuta.

Canarias e Euskadi suxiren que as cifras se calculen para cada comunidade tomando como referencia a súa poboación total, a media de menores acollidos por 100.000 habitantes nos últimos seis meses, o PIB per cápita, a taxa de desemprego e o grao de solidariedade mostrado ata a data nesta materia, entendido como o número de menores acollidos no últimos cinco anos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade