Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sanidade propón o uso de máscara segundo catro niveis de risco fronte aos virus respiratorios

Sanidade propón o uso de máscara segundo catro niveis de risco fronte aos virus respiratorios

Intentará chegar a un consenso coas comunidades este xoves sobre o seu borrador de medidas de prevención e control das enfermidades respiratorias

Pretende establecer unha serie de criterios que garanta a coordinación entre as comunidades autónomas

Imaxe de arquivo (EFE/Mariscal) Imaxe de arquivo (EFE/Mariscal)
G24.gal 16/10/2024 16:28 Última actualización 16/10/2024 17:26

O Ministerio de Sanidade aconsella a máscara durante toda a tempada de virus respiratorios, pero propón ir endurecendo o seu uso segundo catro escenarios de risco, nos que pasará de estar recomendada a persoas con síntomas a valorarse a súa obrigatoriedade nas salas de espera e urxencias dos hospitais.

O borrador de medidas de prevención e control das enfermidades respiratorias, co que este xoves Sanidade tratará de alcanzar o consenso de todas as comunidades na Comisión de Saúde Pública, pretende "garantir a coordinación entre os territorios" este outono e inverno cando se solape a circulación da covid-19, gripe ou virus sincipital respiratorio (VRS).

Pero abre a porta a que cada comunidade "poida poñer en funcionamento tantas medidas complementarias como considere adecuadas" en función da súa situación, que agrupa en catro escenarios de risco: 0, 1, 2 e 3 ou de risco "moi alto" ou mesmo "pandémico", no que "se poderá valorar" a adopción de actuacións "adicionais e excepcionais que poñerán en funcionamento de acordo á normativa específica".

Os catro escenarios clasificaranse en virtude dunha serie de indicadores -taxa de incidencia, hospitalización, ocupación de camas ou ingresos en UCI, entre outros- que se revisarán semanalmente.

Estes indicadores extraeranse principalmente do Sistema de Vixilancia das Infeccións Respiratorias agudas en España (SiVIRA), pero tamén do rexistro de procesos de incapacidades temporais (IT); a ferramenta de control das augas residuais; o sistema de monitorización da mortalidade diaria (MoMo); o de Información de Vacinacións (SIVAMIN) e a información de capacidade asistencial e ocupación hospitalaria das comunidades.

Escenario 0: ante síntomas, sempre máscara

Cada escenario leva aparelladas unha batería de actuacións, pero Sanidade considera que algunhas deben ser comúns a todos eles, entre elas, a de recomendar a máscara cirúrxica e o autoillamento ante a aparición de síntomas. 

A máscara queda restrinxida a maiores de 6 anos, salvo quen teña "algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria" que poida verse agravada pola máscara ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitarlla. Tampouco se aconsellará cando "resulte incompatible coa natureza das actividades que se estean realizando".

Durante toda a tempada deberán rexer outras recomendacións de prevención, como a vacinación, a hixiene, "especialmente" de mans; dar prioridade aos espazos ao aire libre, evitar aglomeracións e ventilar correctamente os espazos.

Así mesmo, avoga por revisar e difundir os plans de continxencia dos centros asistenciais e sociosanitarios para facer fronte a un incremento de casos que "garantan a continuidade asistencial".

Escenario 1: recomendada en zonas vulnerables de centros sanitarios

Clasificarase como escenario 1 cando os indicadores de trasmisibilidade estean en nivel baixo ou moderado, salvo que "haxa motivos" para asignar un superior ou inferior.

-Persoas con síntomas: a máscara sempre é recomendable para elas; neste nivel, deberán, "na medida do posible", minimizar as súas interaccións e aplicar as medidas de etiqueta respiratoria e hixiene de mans durante os 5 días posteriores a empezar a sintomatoloxía.

E, se o permite o seu posto, teletraballar.

-Centros residenciais: os traballadores con síntomas deberán ser recolocados en áreas onde non haxa contacto directo con persoas vulnerables e, de non ser posible, darse de baixa os 5 primeiros días tras iniciar síntomas. Unha vez reincorporados, seguirán utilizando permanentemente a máscara ata, polo menos, a remisión completa.

-Hospitais, centros de saúde e similares: recomendarase a máscara tanto a persoal sanitario como pacientes e acompañantes en ámbitos vulnerables como salas de tratamentos quimioterápicos ou unidades de transplantados.

Escenario 2: indicada para todos en salas de espera e urxencias

Os indicadores neste escenario estarán nun nivel alto, salvo que "haxa motivos para asignar un nivel de risco superior ou inferior".

-Persoas con síntomas: fomentarase o diagnóstico precoz e valorarase a utilización de antivirais.

-Medidas non farmacolóxicas: reforzar ventilación, limpeza e desinfección e recomendar máscara a persoas "cuxas ocupacións os levan a un contacto cara a cara extenso co público e sempre que interactúen con persoas con síntomas compatibles ou casos confirmados".

Impulsaranse medidas que "eviten a aglomeración de persoas traballadoras en espazos pechados".

-Centros residenciais: recomendarase "activamente" a máscara a persoas con risco de desenvolver complicacións graves en supermercados, tendas e transporte público, cinemas, teatros, salas de concertos, ximnasios, salas de baile ou eventos multitudinarios ao aire libre.

De forma "permanente" recomendarase a "todos os traballadores dos ámbitos vulnerables", pero non a pacientes ou residentes, "valorando a súa obrigatoriedade de maneira xeral ou nos centros que segundo a súa situación específica e vulnerabilidade así se determine".

Poderanse "restrinxir as visitas de cortesía" avaliando antes "a repercusión emocional" desta actuación. Ademais, os traballadores contaxiados en contacto con vulnerables que non poidan recolocarse deberán ser dados de baixa "os días indicados de illamento".

-Centros sanitarios: a máscara pasará a estar "indicada" tanto a traballadores como a pacientes e acompañantes en lugares comúns como salas de espera ou urxencias hospitalarias, "valorando a súa obrigatoriedade de maneira xeral ou nos centros que segundo a súa situación específica e vulnerabilidade así se determine".

Terán que activarse os plans de continuidade para asegurar a asistencia sanitaria ante un incremento da demanda asistencial, de absentismo por enfermidade dos traballadores ou, en determinadas situacións, por corentena do persoal. Se é necesario, incrementarán as capacidades dos servizos de urxencias e de UCI.

Escenario 3: medidas adicionais e "excepcionais"

Cando os indicadores se atopen nun nivel "moi alto" ou haxa información que apunte a un "risco pandémico", engadiranse outras medidas como reforzar a coordinación entre os diferentes territorios mediante a convocatoria extraordinaria do pleno do Consello Interterritorial.

En caso necesario, "poderase valorar a adopción de medidas adicionais e excepcionais que se poñerán en funcionamento de acordo á normativa específica", conclúe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade