A expulsión de Torrado condicionou a derrota do Polvorín (2-3)
O filial do Lugo tivo que xogar 75 minutos cun xogador menos
O Raio Cantabria adiantouse cun 0-2, empatou o Polvorín, pero non aguantou no treito final
O Polvorín continúa sen gañar na 2.ª RFEF. Perdeu contra outro filial, o Raio Cantabria, por 2-3. O partido estivo marcado pola expulsión de Torrado ao cuarto de hora.
Nesa falta, o Raio aproveitou e marcou o 0-1 logo dun gran lanzamento de falta de Dalisson. Antes do descanso, Neco Celorio poñía o 0-2 e deixaba moi encamiñada a vitoria visitante.
Reaccionou o Polvorín nun gran segundo tempo. Ao pouco de empezar Xavi Domínguez forzou un penalti que transformou Álex Ramos. E no 68 o xuvenil Jorge González sacaba un gran lanzamento desde fóra da área que poñía o empate.
Foi tal o esforzo do equipo de Trashorras que non conseguiu aguantar o ritmo. O Raio argallou unha xogada de ataque na que Yeray marcou o definitivo 2-3.