A fragata Juan de Borbón regresa a Ferrol
A fragata Juan de Borbón regresa a Ferrol
Levaba dous meses despregada cunha agrupación da OTAN en augas do norte de Europa
Exerceu de buque de mando durante 21 días
A fragata Almirante Juan de Borbón regresou esta mañá a Ferrol. Levaba dous meses despregada cunha agrupación da OTAN en augas do norte de Europa e, malia que non estaba previsto, exerceu de buque de mando durante 21 días. Familiares e amigos agardábanos no peirao para darlles unha calorosa benvida.
O son das sirenas anuncia a chegada a porto da fragata Juan de Borbón. Despois de dous meses de misión regresan á casa, onde son recibidos con sol, música, abrazos e alguna que outra sorpresa: "Vou ter outro neno, sóubeno hai pouco, el xa estaba embarcado", di a muller dun dos militares. "É unha enorme alegría o reencontro, ademais hoxe é o seu aniversario", explica un membro da dotación.
É a recompensa despois de participar, e mesmo liderar, os exercicios militares e as patrullas de seguridade realizadas no Báltico e no mar do Norte cunha agrupación permanente da OTAN.
"Fomos buque de mando durante 21 días, iso deunos protagonismo e amosa o compromiso de España coa OTAN", explica José María Almira, o Comandante da fragata.
Pola súa banda, o Comandante da 31ª Escuadrilla de Superficie, Gonzalo Leira engade que finalizan o traballo con enorme eficacia e amosan un importante grao de preparación.
Os mandos destacan a boa resposta da fragata e da dotación, que tivo que convivir en burbullas pola covid. Regresan con cero contaxios, así que hoxe non hai distancias para abrazar os máis queridos.