Denuncian unha vaga de roubos en negocios de Galeras, en Santiago
Denuncian unha vaga de roubos en negocios de Galeras, en Santiago
Van cinco asaltos en dúas semanas, con gran violencia
Os ladróns non conseguen grandes botíns, pero provocan importantes estragos
Nun dos últimos roubos os ladróns aproveitaron que estaban de vacacións, rebentáronlles a porta, que aínda non puideron repoñer. A poucos metros, e con poucas horas de diferenza, tentábano tamén nun salón de peiteado. Por certo, con pouco éxito.
"Romperon a cristaleira cunha tapa do sumidoiro. Entraron e foron directamente á caixa, pero como nós na caixa nunca deixamos cartos, marcharon. Nin remexeron nin levaron outras cousas. Querían cartos", conta Cristina González, empregada do salón de peiteado.
Van cinco negocios en dúas semanas. Sorprende o descaro e a furia dos asaltantes.
"Son moi violentos. Para romper este cristal blindado, hai que darlle con moita forza. A veciña do terceiro dixo que cando golpearon o cristal, que lle tremeu o chan da casa", explica Antonio Puñal, propietario doutro dos locais atracados.
"A min caeume a alma aos pés porque ver como estragan un escaparate e para que? Os negocios están baleiros, Non deixamos cartos dentro", engade Rosa Marijt, outra empresaria.
O malestar, o medo e a inseguridade esténdese ao resto de negocios, fundamentalmente, locais de hostalería e comercios pequenos.
"Preocúpame bastante chegar aquí polas mañás e non saber que vas encontrar, e á parte diso que xa non podemos estar un só no negocio", lamenta Benedicta Míguez, dun supermercado.
"Sentímonos en situación de indefensión porque a nós é a terceira vez este ano que nos tentan roubar e é sempre o mesmo: denuncia policial e non pasa nada", denuncia Puñal.
Galeras é unha zona tranquila, con moitos edificios de oficinas, vivendas e un parque extenso que polo día ten moito movemento pero no que polas noites baixa o ritmo. Piden que se reforce a vixilancia policial porque observan un aumento do tráfico de drogas.