Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rouban máis de 4.000 euros nas oficinas do C. D. Lalín

Rouban máis de 4.000 euros nas oficinas do C. D. Lalín

Case todos os cartos eran da recadación da lotaría de Nadal do club

Os ladróns deixaron escrito na parede un '1312', que significa "toda a policía é bastarda'

G24.gal 23/12/2024 14:41

Entraron sen pasar polo despacho de billetes, rebentaron as portas das oficinas e foron case a tiro fixo.

"Forzaron a porta de entrada das oficinas do club e levaron o cambio do bar, o cambio da entrada e uns cartos da venda da lotaría que tiñamos. 4.510 euros, exactos", explica David Méndez, presidente da entidade.

Catro mil eran da lotaría que xogaba o club. Unha dobre perda, porque a sorte este ano non lles devolveu nin o reintegro. 
Os cartos estaban nun armario ao que non lles custou acceder. Aínda así, non eran ladróns de guante limpo.

"Remexeron... os artigos que hai por aquí, camisetas, recordos, trofeos deixáronos... no chan, pero deixáronos", engade o presidente.

Dos rateiros, nin rastro. A única pegada deixárona na parede, escrita en clave.

"Deixaron un 1312, que segundo din compañeiros da directiva, significa "a policía bastarda", sinala David Méndez.

O club prevé presentar a denuncia nos próximos días, pero con poucas expectativas. Non hai cámaras de seguridade e as instalacións préstanse a actuar con aleivosía e nocturnidade. 

"Está ás aforas da vila. É unha zona onde hai tráfico polo día pero pola noite non. Non está iluminada. Entraría polo lateral, que é un camiño onde podes saltar un muro, aparcar, tomalo con calma... ver algo é practicamente imposible", lamenta o presidente.

Un penalti en toda regra para un club modesto que aspira a recuperar o sorriso no partido do próximo domingo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade