Como evitar os incendios nas vivendas durante o Nadal
Como evitar os incendios nas vivendas durante o Nadal
Recomendan facer o mantemento de estufas e caldeiras, limpar os tiros das chemineas e os extractores e estar atentos á hora de cociñar
A iluminación do Nadal non ten moito perigo, pero si hai que ter coidado coas instalacións eléctricas
Aconsellan instalar un detector de fume
No Nadal son frecuentes os incendios causados por problemas coas estufas, caldeiras de calefacción, chemineas e sobrecargas eléctricas, pero este ano o número de incendios é especialmente elevado.
"Tivemos un gran número de incidentes relacionados con incendios no fogar. Normalmente había algún, pero non tantos. Non é normal ter seis, sete, oito, nove incendios. A verdade é que nos sorprendeu!", di Marcos Araújo, xerente da Axencia Galega de Emerxencias.
Para evitar que esta cifra aumente, recomendan facer o mantemento de estufas e caldeiras, limpar os tiros das chemineas e os extractores e estar atentos á hora de cociñar.
"Estamos con xente na casa, poñemos unha tixola no lume, despistámonos, incéndiase a tixola con aceite e xa temos unha lea montada".
A iluminación do Nadal non ten moito perigo porque normalmente utilízanse luces led con consumos baixos, pero si hai que ter coidado coas instalacións eléctricas.
"Non sobrecargar os enchufes e cando vaiamos durmir ter todo apagado porque non imos estar pendentes se hai unha incidencia".
E tamén aconsellan instalar un detector de fume. Lembran que o seu custo é baixo e pode evitar sustos.