A Xunta destina 4,8 millóns á renovación de equipos do CHUO
A Xunta destina 4,8 millóns á renovación de equipos do CHUO
O conselleiro de Sanidade di que suporán "un antes e un despois" no diagnóstico das enfermidades dixestivas da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou o investimento da Xunta de 4,8 millóns de euros para renovación de todos os equipos da unidade de Dixestivo, e que supoñerán "un antes e un despois" no diagnóstico das enfermidades dixestivas da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, resaltou.
Así o proclamou durante unha visita realizada esta mañá ás instalacións do centro hospitalario de Ourense (CHUO) onde viu in situ os novos equipamentos, entre os que se atopan oito novas torres de videoendoscopias, seis monitores de imaxe 4K, dous monitores 4K con sistema de intelixencia artificial, electrobisturís, insufladores, bombas de irrigación e sondas endoscópicas.
En declaracións aos medios, o titular da carteira sanitaria asegurou que esta tecnoloxía supoñerá "unha mellora significativa na precisión do diagnóstico e na redución dos tempos de realización das probas", facilitando o traballo ao persoal sanitario e "do que se van beneficiar os pacientes".
O novo equipamento mellorará a detección de lesións grazas á obtención de imaxes en alta definición e á innovadora tecnoloxía iScan, ferramenta clave no diagnóstico precoz.
Para referendar a importancia deste investimento, Caamaño destacou que a área de Ourense realiza "máis de 15.000" exploracións anuais, das cales ao redor de nove mil son colonoscopias e outras cinco mil gastroscopias.