Máis de 190 países aproban un tratado para enfrontar mellor a próxima pandemia
O obxectivo é alcanzar unha rede global de subministración para asegurar un acceso equitativo e rápido aos produtos sanitarios destinados a controlar unha pandemia ou unha crise humanitaria
O acordo pretende evitar as "reservas nacionais excesivas" que provocaron o desaproveito das vacinas durante a covid-19
Establécese que as farmacéuticas con acceso aos patóxenos compartidos pola OMS deberán asignar un 20 % do produto que manufacturen á organización, que o distribuirá segundo as necesidades máis urxentes

Más de 190 países conseguiron este martes adoptar o primeiro tratado global sobre pandemias da historia no marco de negociacións na Organización Mundial da Saúde (OMS) e tras tres anos de arduas deliberacións.
Este acordo internacional axudará a unha mellor coordinación entre os países e a unha repartición máis equitativa dos recursos dispoñibles para enfrontar a próxima pandemia, que os científicos concordan en que ocorrerá tarde ou cedo con algún novo patóxeno.
O acordo establece as liñas principais para que se desenvolvan mecanismos de prevención, de preparación e de resposta a futuras pandemias, cunha énfase en aspectos como a solidariedade e reciprocidade, aínda que non alcanza o nivel de compromiso agardado polos países de desenvolvemento baixo.
Varios diplomáticos que participaron no último tramo das negociacións, que incluíu sesións maratónicas de ata 24 horas ininterrompidas, lamentaron que gran parte dos compromisos asumidos no acordo sexan de carácter voluntario, pero explicaron que estaban ante a disxuntiva de "aceptar o que hai sobre a mesa ou irnos coas mans baleiras".
Estas negociacións foron vistas como unha oportunidade de mostrar unidade internacional e apoio ao multilateralismo en momentos en que a OMS enfronta un dos momentos máis difíciles pola saída de Estados Unidos, o que acarrexa unha perda de recursos económicos.

O acordo crea unha rede global de subministración e loxística para tentar asegurar un acceso equitativo, rápido e alcanzable aos produtos sanitarios destinados a controlar unha pandemia, pero que tamén poden ser usados en situacións de crises humanitarias. O obxectivo é que se alcance a plena transparencia nesta cadea.
Outro dos artigos máis relevantes expón que os países non deben realizar "reservas nacionais excesivas" de produtos vitais para frear unha pandemia. A OMS pretende así evitar que os países ricos acaparen os recursos por enriba das súas necesidades, previndo que haxa que desbotar produtos sanitarios que poden ser redistribuídos a países en desenvolvemento antes do seu vencemento.
Así mesmo, o tratado establece un novo mecanismo de acceso e participación nos beneficios que se obteñan dos patóxenos compartidos pola OMS coas farmacéuticas. Cando estas accedan aos patóxenos para investigar e desenvolver vacinas e tratamentos, deberán asignar un 20 % do produto que manufacturen á OMS, a metade como doazón e o resto a un prezo alcanzable, para que a organización o distribúa onde as necesidades sexan máis urxentes.
Ao estalar a última pandemia, varios gobernos de países desenvolvidos financiaron a industria farmacéutica e de biotecnoloxía para acelerar o desenvolvemento dunha vacina e tratamento, pero non houbo un retorno dese investimento e, unha vez que a vacina estivo lista, tiveron que negociar coas firmas produtoras a súa adquisición.
"Isto significa que a próxima vez que unha pandemia golpee e que co diñeiro dos contribuíntes se desenvolva unha medicina moi custosa, os gobernos poderán intervir en beneficio dos seus cidadáns e de xente en todo o mundo", comentou a directora da ONG Iniciativa por Medicamentos para Enfermidades Esquecidas, Michelle Childs.
"O acordo sobre pandemias non é perfecto; é produto dun compromiso, e non se cumpriron todas as ambicións, pero crea unha nova base sobre a que construír para salvar vidas durante a próxima emerxencia sanitaria mundial", recalcou.
A organización humanitaria Médicos sen Fronteiras acolleu "con satisfacción varios elementos positivos" porque, ademais de cuestións prácticas, "envían un sinal forte de solidariedade mundial e mostra un compromiso colectivo cunha gobernanza inclusiva e responsable".
Pediu aos Estados que agora convertan os compromisos en accións porque esa será a única forma de dar sentido a este acordo.
Pedro Sánchez afirma que se trata dun "gran paso para a saúde global"
O presidente do executivo español valorou positivamente o acordo, cualificándoo como "un gran paso para a saúde global" e defendeu en X o multilateralismo como "a nosa mellor baza" ante desafíos de esta magnitude.
Hoy damos un gran paso para la salud global con el acuerdo del Tratado contra las Pandemias.
— Pedro Sánchez (@sanchezcastejon) April 16, 2025
Ante desafíos globales que no conocen fronteras, el multilateralismo es nuestra mejor baza. https://t.co/NGsXpCF3Fh
Na mesma rede social, a ministra de Sanidade, Mónica García, recoñecía que os "meses de duro traballo deron os seus froitos e demostran que a OMS é máis necesaria que nunca". García di que se trata dun tratado "histórico" que permitirá "que a próxima pandemia nos pille máis preparados".
Esto es histórico. Los Estados Miembros de @WHO nos hemos puesto de acuerdo para que la próxima pandemia nos pille más preparados y con unas reglas sobre cómo ayudarnos a superarla.
— Mónica García (@Monica_Garcia_G) April 16, 2025
Meses de duro trabajo han dado su fruto y demuestran que la OMS es más necesaria que nunca. pic.twitter.com/il24y0uPH9