Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Gladiator Race de Santiago volve apoiar a investigación da enfermidade de Dent

A Gladiator Race de Santiago volve apoiar a investigación da enfermidade de Dent

É unha doenza rara que afecta gravemente os riles

G24.gal 14/09/2024 20:45 Última actualización 14/09/2024 21:25

É a cuarta vez que a Gladiator Race ten como beneficiaria a asociación galega da enfermidade de Dent. Un euro de cada inscrición nesta carreira de obstáculos é para buscar un remedio a esta enfermidade rara.

"É unha enfermidade que afecta gravemente os riles. Fai que perdan a súa función e non ten cura. Todas estas cousas que facemos son para recadar fondos para a investigación que hai no NefroCHUS, no IDIS, aquí en Santiago de Compostela", explica María Castelo, presidenta do proxecto Art for Dent.

A enfermidade de Dent só afecta a varóns e conduce a un fallo renal total, tras un camiño de complicacións a nivel óseo e de crecemento, entre outros. En Galicia hai once pacientes diagnosticados, todos nenos. Un é Enzo, de 7 anos.

"Teño que facer máis probas de sangue que as persoas que non teñen a enfermidade, revisarme máis cada mes", conta Enzo.

A Enzo diagnosticáronlle a enfermidade ao nacer, pero ás veces non é tan rápido.

"Na proba do talón xa nos deu mal o tema da urina e fiando con máis probas demos coa enfermidade. Pero se non acertas nesa proba é difícil atopala ata que non se presentan problemas de ril", conta a nai de Enzo.

Nas carreiras deste sábado participaron 1.600 persoas. 400 correron co dorsal da asociación de Dent, "Un raio de Luz".

"Están moi involucrados con nós e apóiannos moito para montar esta carreira", subliña André García, mestre de cerimonias na Gladiator Race.

Enzo non correu pero estivo a cargo da venda dos produtos solidarios cos que a asociación busca fondos e ten proxectos para o futuro de alcance.

"Quero ser o médico da asociación da enfermidade de Dent para facer a medicación que cure esta enfermidade para que non exista máis", confesa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade