Publicador de contidos
Publicador de contidos

A inflación interanual sobe ata o 9,8 % en marzo, a taxa máis alta desde 1985

A inflación interanual sobe ata o 9,8 % en marzo, a taxa máis alta desde 1985

Respecto de febreiro, os prezos subiron un 3 %,  a taxa máis alta en máis de 44 anos, desde agosto de 1977

O 73 % deste incremento débese ao impacto da invasión de Ucraína nos prezos da enerxía e dos alimentos non procesados, segundo o Goberno

"É un mal dato, que afecta á nosa economía, á nosa sociedade, en particular aos colectivos máis vulnerables", di Sánchez no Congreso

G24.gal 30/03/2022 09:43

A inflación subiu en marzo ata o 9,8 % con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Son 2,2 puntos por riba da taxa rexistrada en febreiro, cando chegou ao 7,6 %, e bate o récord da taxa máis alta dos últimos 33 anos, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Os datos avanzados este mércores correspondentes ao IPC reflicten que este importante incremento se debe á suba xeneralizada na maioría dos seus compoñentes, especialmente electricidade, combustibles, produtos alimentarios e bebidas non alcohólicas.

A inflación subxacente, que non inclúe alimentos frescos nin enerxía, rexistrou un aumento de catro décimas en marzo, ata alcanzar o 3,4 %, a máis alta desde setembro de 2008.

Fontes do Ministerio de Asuntos Económicos explican: "O 73 % deste incremento débese ao impacto da invasión de Ucraína nos prezos da enerxía e dos alimentos non procesados". Por iso urxen a posta en marcha do Plan Nacional de Resposta adoptado onte.

No mesmo senso falaba esta mañá o presidente do Goberno na súa comparecencia perante o Congreso. Pedro Sánchez comezaba dicindo que a obriga do Goberno e a do poder lexislativo, "tamén a das súas señorías", salientou Sánchez, "e protexer o crecemento e tamén a creación de emprego fronte ao impacto da guerra de Putin en Ucraína".

"Digo todo isto señorías porque hoxe coñecemos o dato da inflación, que é un mal dato que afecta á nosa economía, á nosa sociedade, en particular aos colectivos máis vulnerables. Nun 73 % a alza explícase polo desbocado prezo da enerxía e tamén dos alimentos non elaborados. E todo iso exacerbado pola guerra de Ucraína. Estamos convencidos no Goberno de que o Plan Nacional de Resposta e, sobre todo, o recente acordo logrado en Bruxelas para poñer un prezo de referencia ao gas e evitar con iso a súa translación ao prezo da electricidade, como vostedes me escoitaron dicir en todos estes meses, vainos permitir nos próximos tempos dobregar a curva e estabilizar a evolución do custo da vida".

Os prezos ao consumidor suman 13 meses á alza, desde marzo de 2021, unha gráfica só interrompida en xaneiro, cando a inflación se moderou 4 décimas, ata o 6,1 % interanual.

Con respecto ao mes de febreiro, os prezos rexistraron en marzo un aumento do 3 %, o máis alto en máis de 44 anos, desde agosto de 1977.

O índice de prezos de consumo harmonizado (IPCA, que permite comparar con outros países europeos) tamén se situou no 9,8 % interanual, igual que a taxa xeral, pero subiu un 3,9 % mensual, 9 décimas máis ca a taxa xeral.

Á espera da publicación da información detallada que publica o INE o 13 de abril sobre o prezo dos combustibles, o prezo medio do gasóleo tipo A nas gasolineiras españolas situouse este martes en 1.849 euros o litro, un 23,59 % por encima do rexistrado na última semana de febreiro, e o da gasolina de 95 octanos foi de 1.823 euros o litro, un 13,37 % máis, segundo indican os datos rexistrados no Geoportal do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.

A suba da gasolina estivo marcada pola suba do petróleo Brent, que aumentou un 6,52 % en marzo, ata case 112 dólares o barril este mércores, aínda que neste mes o prezo máximo alcanzou os 127, 98 dólares o día 8 e o mínimo a 98,02 dólares unha semana despois.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade