Publicador de contidos

Publicador de contidos

As redeiras do norte de España vanse aliar en defensa do seu oficio

As redeiras do norte de España vanse aliar en defensa do seu oficio

O sector demanda máis recoñecemento para garantir o relevo xeracional

G24.gal 22/02/2025 16:44 Última actualización 22/02/2025 17:02

A confección, reparación e mantemento das redes e aparellos de pesca é un oficio artesán, en mans -fundamentalmente- de mulleres. Galicia é a comunidade con máis redeiras de España e de Europa. O seu labor é imprescindible, pero a falta dun soldo garantido e digno pon en risco o relevo xeracional.

"Nós traballamos dependendo da carga de traballo que haxa nos barcos. Se os barcos non teñen carga de traballo, nós non temos carga de traballo", puntualiza María Jesús González, presidenta da Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao.

As redeiras galegas recibiron en Galicia as súas compañeiras de Euskadi e comunicáronse tamén coas de Asturias e Cantabria para poñer en común as súas inquedanzas. As vascas xa lograron que os armadores lles garantan un salario mínimo.

"Pelexámolo moito: temos o soldo garantido e tamén a posibilidade de poder traballar máis, se queremos, con outros prezos, porque somos autónomas e temos que gañarnos a vida", explica a presidenta das redeiras do País Vasco, María Ángeles Uribeetxebarria.

En Galicia, o sector é máis complexo porque é máis grande e porque se traballan máis artes. As redeiras piden a coordinación da Xunta para poñer a todos os implicados de acordo.

"Sen a complicidade de armadores, de confrarías... non se vai conseguir. Necesitamos unidade, necesitamos unha vista común", subliña a presidenta da Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao.

"O fundamental é que vexamos a importancia das redeiras para que os nosos barcos saían a pescar", afirma o conselleiro do Mar, Alfonso Villares.

Estas profesionais indispensables para poder aproveitar as riquezas do mar están convencidas de que o recoñecemento do seu oficio permitirá que non desapareza.

"Se conseguen un soldo mínimo a xente ten que vir porque é un traballo marabilloso e é algo que temos que intentar manter porque é algo noso", asevera a presidenta das redeiras do País Vasco.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade