A ocupación da calzada das terrazas regularase de forma permanente na Coruña
A ocupación da calzada das terrazas regularase de forma permanente na Coruña
A medida foi aprobada de forma provisional fai ano e medio para axudar o sector
Seguridade e uniformidade estética serán as premisas da nova ordenación
A emerxencia sanitaria trouxo un cambio de costumes no uso da hostalaría. Os interiores dos locais perderon adeptos e, a cambio, gañáronos as terrazas. O verán pasado dispuxéronse solucións transitorias en varios concellos, que permitiron que se ocupara parte da calzada coas mesas e cadeiras dos bares e restaurantes. Medidas provisionais que, ano e medio despois, vanse converter en definitivas en cidades como A Coruña.
O presidente da Asociación Provincial de Hostalaría, Héctor Cañete, cualifica esta decisión de "fantástica" para o sector: "Cremos que hai que ir gañándolle espazo aos vehículos e facer a cidade máis humanizada", di, e engade que "que se ocupen 50 ou 100 prazas de aparcadoiro na cidade tampouco vai ser un problema para o tráfico".
Medio cento de establecementos coruñeses acolléronse á instrución municipal que lles permitiu usar a calzada. A modificación da ordenanza municipal que se prepara para consolidar esta medida atenderá sobre todo a criterios de seguridade e de estética. Tanto o sector como os usuarios aplauden a medida.
Para unificar esteticamente as instalacións barállanse medidas de apoio. Desde a representación do sector asumen que "hai que facer gasto", por iso piden que se apliquen bonificacións nas futuras taxas que deberán pagar polas terrazas, agora en suspenso, e se vaian aplicando estes impostos progresivamente.
Dese xeito, din, aliviaríase a situación dun dos sectores máis castigados pola crise sanitaria.