Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Semana da Paleontoloxía tenta achegar o talento científico á cidadanía

A Semana da Paleontoloxía tenta achegar o talento científico á cidadanía

Organizaron charlas e talleres na Coruña para todos os públicos

Os nenos puideron crear os seus propios fósiles na Domus

G24.gal 05/10/2024 20:54 Última actualización 05/10/2024 21:26

Uns cincocentos investigadores reuníronse na Coruña para poñer en común os avances e a actualidade en Paleontoloxía. Foi no marco dunhas xornadas científicas organizadas pola Universidade que tamén tiveron unha vertente divulgativa, aberta a todos os públicos.

O paleoclimatólogo Armand Hernández forma parte do grupo de investigadores en cambio ambiental do CICA da Universidade da Coruña. Apoiándose en fragmentos de varias películas nas que clima e catástrofes ambientais representan un papel protagonista, explicou en que consiste o seu traballo e como coñecer o pasado climatolóxico axuda a explicar moito do presente.

"Que rexistros utilizamos? Sondaxes de xeo, sedimentos dos lagos, aneis das árbores, espeleotemas, corais... Á xente gústalle moito como investigamos isto para que nos proporcione a información que precisamos" explica.

A súa foi a última charla divulgativa da Semana da Paleontoloxía, un esforzo por abrir o talento científico a toda a cidadanía. Tamén aos nenos que, por un día, foron descubridores de tesouros.

"Que por un día sexan paleontólogos, interaccionen coa terra e poidan buscar e limpar os seus propios fósiles", conta Érica García, da Asociación de Divulgación UDCbigbang.

Ademais de recoñecelos e identificalos, puideron elaborar o seu propio fósil. A Semana da Paleontoloxía foi a cara B das Xornadas da Sociedade Española de Paleontoloxía, que permitiu a medio milleiro de científicos compartir os avances no seu campo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade