Publicador de contidos

Publicador de contidos

A UE celebrará o 6 de marzo un cumio extraordinario sobre Ucraína e defensa europea

A UE celebrará o 6 de marzo un cumio extraordinario sobre Ucraína e defensa europea

O cumio, convocado polo presidente do Consello Europeo, António Costa, celebrarase en Bruxelas

G24.gal 23/02/2025 18:11

 Os xefes de Estado e de Goberno da Unión Europea celebrarán o próximo 6 de marzo un cumio extraordinario sobre Ucraína e a defensa europea, segundo informou este domingo un funcionario da UE.

O cumio, convocado polo presidente do Consello Europeo, António Costa, celebrarase en Bruxelas e os temas da axenda serán Ucraína e a defensa europea, sinalou a fonte.

"Decidín convocar un Consello Europeo extraordinario o 6 de marzo", confirmou pouco despois Costa nunha mensaxe nas súas redes sociais.

O político portugués subliñou que "estamos a vivir un momento decisivo para Ucraína e a seguridade europea".

Costa iniciou esta semana unha rolda de contactos con líderes da UE para abordar o seu apoio a Ucraína e as garantías de seguridade que se poden dar, segundo fontes europeas, que aseguraron que o ex primeiro ministro portugués convocaría un cume coa finalidade de "producir resultados".

"Nas miñas consultas cos dirixentes europeos, escoitei un compromiso compartido de afrontar eses desafíos a nivel da UE: fortalecer a defensa europea e contribuír decisivamente á paz no noso continente e á seguridade a longo prazo de Ucraína", manifestou Costa este domingo.

A súa intención agora, dixo, é seguir traballando coa presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e todos os Estados membros para "estar preparados para tomar decisións o 6 de marzo".

O presidente do Consello Europeo asistirá presencialmente este luns no cume que o presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, convocou en Kiev, na que está previsto que participen 37 líderes, dos cales 24 o farán de forma remota.

Tamén estará presente na capital ucraína a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, con 24 dos seus comisarios, entre eles a vicepresidenta primeira, Teresa Ribeira, así como o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, entre outros.

A guerra iniciada pola invasión rusa cumpre este luns tres anos nun contexto marcado polos contactos iniciados pola administración do presidente de EE.UU., Donald Trump, con Moscova e Kiev para lograr un final negociado ao conflito.

A unilateralidade coa que está a actuar EEUU creou malestar e inquietude en Kiev e nas principais capitais europeas, que temen que Washington busque un acordo con Moscova sen ter en conta os intereses de Ucraína e Europa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos