Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os conservadores gañan as eleccións alemás e a ultradereita, segunda forza tras case duplicar o voto

Os conservadores gañan as eleccións alemás e a ultradereita, segunda forza tras case duplicar o voto

Merz, lider da CDU, reclama victoria e pide negociacións rápidas en vista das grandes crises que hai no mundo

A ultradereita (AfD) ofrécese para entrar no Goberno pero os conservadores reiteran o seu negativa a cooperar con eles

G24.gal 23/02/2025 18:05 Última actualización 24/02/2025 00:00

Os conservadores alemáns volverán ao Goberno en Alemaña tras unha paréntese de tres anos ao gañar as eleccións xerais deste domingo, pero veranse obrigados a formar unha coalición de goberno nun momento xeopolítico convulso e cunha ultradereita máis forte que nunca na oposición. Unha coalición na que Merz se perfila como chanceler.

O bloque conservador formado pola Unión Cristianodemócrata e a Unión Socialcristiá (CDU/CSU) sería a forza máis votada nas eleccións xerais deste domingo en Alemaña, con entre un 28,5 % e un 29 % dos sufraxios, seguido pola ultradereita de Alternativa por Alemaña (AfD), con entre un 19,5 % e 20 %, co que case duplicou o seu voto en comparación cos comicios lexislativos de 2021, segundo as sondaxes a pé de urna.

Segundo as primeiras sondaxes a pé de urna publicadas polas televisións públicas ZDF e ARD, en terceiro lugar chega o Partido Socialdemócrata (SPD), con entre un 16 % e un 16,5 %, en cuarto lugar, Os Verdes, cun 12 % ó 13 %, e en quinto A Esquerda con entre un 8,5 % e 9 %.

A incógnita mantense, con todo, con respecto ao partido liberal FDP, que obtería entre o 4,9 % e un 5 %, e a forza populista de esquerdas Alianza Sahra Wagenknecht (BSW), que lograría entre un 4,7 % e 5 %.

Os partidos políticos en Alemaña precisan do 5% dos votos para poder entrar na cámara baixa. O Bundestag está composto por 630 deputados, polo que se precisan 316 escanos para lograr a maioría absoluta.

Merz, o lider conservador reclama victoria e pide negociacións rápidas

Coñecidos os resultados das sontaxes,  o líder do bloque conservador alemán, Friedrich Merz, reclamou este domingo a vitoria nas eleccións xerais e pediu negociacións rápidas de coalición en vista das grandes crises que hai no mundo.

Nós, a CDU e a CSU gañamos estas eleccións ao Bundestag (...). O mundo non espera e tampouco nos espera a nós, nin a longas e difíciles negociacións de coalición. Temos que sentar pronto as bases para que Alemaña volva ser ben gobernada, dixo Merz na sede do seu partido. 

O político conservador asegurou que Alemaña será gobernada con fiabilidade. A Unión comprométese a iso e tamén eu persoalmente, engadiu.

Para as negociacións, Friedrich Merz, candidato a chanceler do bloque conservador e gañador das eleccións lexislativas deste domingo, reitera a súa negativa a cooperar coa ultradereita, a Alternativa para Alemaña, que nestes comicios quedou como segunda forza política e se ofreceu a formar parte do futuro goberno.

Temos visións diverxentes en política exterior, de seguridade, con respecto á OTAN. Pódennos tender a man todo o que queiran, pero non caeremos nunha política errónea, afirmou Merz na tradicional rolda da televisión pública con todos os candidatos.

Merz prevese que chege á Cancillería tras unha carreira política que comezou nas mocidades do partido, que interrompeu durante 12 anos coincidindo coa era de Angela Merkel e na que sempre representou  á sección máis conservadora do partido.

A ultradereita (AfD) ofrécese para entrar no Goberno

A líder da ultradereitista Alternativa para Alemaña (AfD), Alice Weidel, ofreceuse a entrar nun Goberno de coalición tras lograr en torno ao 20 % dos votos nas eleccións xerais alemás deste domingo, segundo as sondaxes, case o dobre do conseguido nos comicios de hai catro anos.

"Somos o único partido que duplicou o noso resultado. Queríannos reducir á metade e pasou o contrario. O noso brazo sempre estará estendido para entrar ao Goberno e facer realidade a vontade do pobo", dixo Weidel na festa electoral da AfD.

Os Verdes amósanse dispostos a seguir asumindo responsabilidade de Goberno

O candidato á cancillería dos Verdes, Robert Habeck, declarouse este domingo disposto a seguir asumindo responsabilidade de Goberno no caso de que as cifras o fagan posible e que o gañador das eleccións, o conservador Friedrich Merz, expoña esa posibilidade.

"Os Verdes queremos seguir asumindo responsabilidade. Se é posible verase tras unha longa noite", dixo Habeck.

Scholz felicita ao bloque conservador pola súa vitoria nas eleccións

Olaf Scholz, aspirante á reelección como chanceler polo Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD), felicitou este domingo ao bloque conservador formado pola Unión Cristianodemócrata (CDU) e a Unión Socialcristiana de Baviera (CSU) pola súa vitoria nas eleccións xerais.

Para min é importante dar o parabén á CDU/CSU polo resultado electoral, dixo Scholz ao referirse aos resultados das eleccións, nos que os conservadores se impuxeron con claridade e os socialdemócratas encaixaron o que o chanceler saínte cualificou de "derrota".

É un resultado amargo, afirmou Scholz sobre o resultado electoral do SPD nunha intervención xunto aos líderes do seu partido na sede berlinesa dos socialdemócratas, a Casa de Willy Brandt. O partido sacou os peores resultados desde 1980.

Na rolda de conversas entre os candidatos que se celebra na televisión pública alemá, o chanceler saínte, descartou liderar a rolda de conversas para formar unha coalición de goberno tras as eleccións lexislativas; o seu partido é agora a terceira forza política no Parlamento alemán.

O socialdemócrata Olaf Scholz tamén descartou que vaia ser el quen participe nas posibles conversas co partido gañador das eleccións, a CDU: Presenteime a chanceler (...) pero non participarei como representante do SPD (Partido Socialdemócrata de Alemaña) nun Goberno liderado pola CDU, nin tampouco negociarei, aclarou.

Líder dos liberais alemáns abandona a política tras a desfeita electoral

O presidente do Partido Liberal (FDP), Christian Lindner, anunciou o seu abandono da política tras a desfeita sufrida pola súa formación nas eleccións xerais alemás na que, á falta de confirmarse os resultados definitivos, quedou por baixo do 5 % e, polo tanto, sen representación parlamentaria.

As eleccións xerais trouxeron unha derrota para o FDP pero oxalá tamén un novo comezo para Alemaña. Por iso loitei. Abandono a política activa con enorme agradecemento tras caso 25 anos de intenso traballo, dixo Lindner na súa conta de X.


Lindner, de 45 anos, asumiu a xefatura do FDP en 2013, despois de que a formación quedase por primeira vez por fóra do Bundestag.

A participación nas eleccións é a máis alta desde a reunificación en 1990

A participación nas eleccións xerais de Alemaña ascendeu aproxímase ao 84 %, segundo os prognósticos das cadeas de televisión públicas ARD e ZDF, o que supón a cifra máis alta desde a reunificación do país en 1990.

Nos comicios lexislativos de 2021, a participación foi do 76,4 %, polo que nesta ocasión vese superada en 6,6 ou 7,6 puntos.

Case 59 millóns de alemáns estaban convocados ás urnas este domingo para elixir unha nova Cámara Baixa.

Reconto de votos nun colexio electoral alemán este domingo Reconto de votos nun colexio electoral alemán este domingo
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade