O Líbano despide os líderes de Hezbollah nun funeral multitudinario
Unhas 85.000 persoas congregáronse no estadio Camille Chamoun para asistir á cerimonia organizada polo grupo xiíta

Os suburbios do sur de Beirut, coñecidos como o Dahye, acolleron este domingo o funeral dos líderes de Hezbollah, Hassan Nasrallah e Hashem Safi al Din.
Unhas 85.000 persoas congregáronse no estadio Camille Chamoun para asistir á cerimonia organizada polo grupo xiíta, case cinco meses despois de asasinato do seu líder.
Nasrallah, líder histórico de Hezbollah, foi asasinado o 27 de setembro nun ataque aéreo israelí contra Dahye, nos suburbios meridionais de Beirut. Poucos días despois, faleceu Safi al Din noutro bombardeo no sur da capital libanesa.
Para moitos, non foi só un día de loito nacional, senón un momento profundamente persoal de despedida e un compromiso tácito de seguir "resistindo", logo de anos de conflito.
Asistentes doutros países
O funeral atraeu persoas de toda a rexión, subliñando a influencia de Hezbollah máis aló das fronteiras libanesas, e de países como Irlanda, O Brasil, Irán, Iemen ou Iraq.
O ministro de Exteriores de Irán, Abás Araqchí, o presidente do Parlamento, Mohamad Baqer Qalibaf, e familias de altos cargos iranianos, incluída a do líder supremo, Ali Jamenei, tamén asistiron ao funeral.
Do mesmo xeito, estivo presente unha delegación dos rebeldes hutís do Iemen e figuras de grupos xiítas de Iraq, que forman parte do chamado "Eixe da Resistencia", unha alianza informal abandeirada por Teherán, na que tamén está Hamas.