Autoridades e familias de altos cargos iranianos participan no funeral de Nasrallah
Hezbollah anunciou que tamén vai celebrar as exequias de Hashem Safi al Din, o seu sucesor, asasinado nun ataque aéreo israelí

O ministro de Exteriores de Irán, Abás Araqchí, o presidente do Parlamento, Mohamad Baqer Qalibaf, e familias de altos cargos iranianos, incluída a do líder supremo, Ali Jamenei, chegaron a Beirut (O Líbano) para participar no funeral do líder de Hezbollah, Hassan Nasrallah.
O grupo xiíta libanés proiraniano anunciou que tamén vai celebrar o funeral do seu sucesor Hashem Safi al Din.
"Vin hoxe en nome da República Islámica de Irán e do pobo iraniano en xeral para participar neste magnífico funeral por estas dúas grandes figuras que fixeron grandes esforzos para liberar este país e pola resistencia", dixo Araqchí no aeroporto de Beirut.
Nasrallah, líder histórico de Hezbollah, foi asasinado o 27 de setembro nun ataque aéreo israelí contra Dahye, nos suburbios meridionais de Beirut. Poucos días despois, faleceu Safi al Din noutro bombardeo no sur da capital libanesa.
"O gran funeral de hoxe fará que o mundo enteiro vexa que a resistencia está viva, que Hezbollah está vivo, que este pobo é leal aos seus valores e que o camiño da resistencia continuará", subliñou o xefe da diplomacia iraniana.
Insistiu en que "a resistencia logrou grandes vitorias, e alcanzará, se Deus quere, a vitoria final", e considerou que "os meus irmáns e eu seremos como unha pinga neste océano e nesta gran reunión para participar neste funeral bendito".
Varios grupos de libaneses simpatizantes de Hezbollah dirixíronse dende primeira hora cara ao estadio da cidade deportiva Camille Chamoun, no Dahye, onde vai ter lugar a cerimonia.
Acudirá tamén unha delegación dos rebeldes xiítas hutís do Iemen e figuras de grupos xiítas de Iraq, que forman parte do chamado "Eixe da Resistencia", unha alianza informal abandeirada por Teherán, na que tamén está Hamas.