Publicador de contidos

Publicador de contidos

Hamas entrega os corpos de catro reféns israelís mortos en Gaza

Hamas entrega os corpos de catro reféns israelís mortos en Gaza

Entre os falecidos figuran unha muller de 32 anos e os seus fillos, de 4 anos e 9 meses

Os cadáveres foron entregados ao exército hebreo xa están en territorio israelí

REUTERS / Ramadan Abed REUTERS / Ramadan Abed
G24.gal 20/02/2025 09:26

Os corpos dos catro reféns entregados por Hamás en Gaza xa están en Israel. Ás 11.47 hora local (9.47 GMT) os vehículos que cargan cos cadaleitos cruzaron a territorio israelí e están sendo conducidos ao Instituto Nacional de Medicina Forense para seren identificados. O proceso pode prolongarse ata dous días, segundo explicaron fontes militares.

Horas antes, o grupo islamita Hamás puxera ao dispor da Cruz Vermella os corpos. Trátase supostamente de Oded Lifshitz, que tiña 83 cando foi secuestrado; Shiri Silberman, unha muller de 32 anos e ascendencia arxentina e peruana; e os seus fillos, Ariel e Kfir, que tiñan 4 anos e 9 meses respectivamente no momento do secuestro.

Todos eles foron capturados no kibutz Nir Oz durante o ataque dos milicianos palestinos do 7 de outubro de 2023, no que case 1.200 persoas morreron e outras 251 foron secuestradas en territorio israelí.

Os milicianos dispuxeron sobre un escenario os cadaleitos, de cor negra cos nomes dos catro falecidos.

 

REUTERS / Ammar Awad

No escenario líase unha pancarta coa mensaxe "O criminal de guerra Netanyahu e o seu exército nazi matáronos con mísiles desde avións sionistas" xunto a unha imaxe do presidente israelí, con manchas de sangue, sobre os rostros dos catro falecidos.

Tamén se exhibían as carcasas de dous mísiles sobre os que se lía o texto "Matáronnos con bombas estadounidenses" en inglés, dispostas diante dunha mesa sobre a que unha empregada da Cruz Vermella asinou as actas de entrega xunto a un miliciano de Hamas, nunha chaira en Beni Suhaila, no leste da cidade de Khan Yunis, simbólica para os palestinos.

REUTERS/Ramadan Abed REUTERS/Ramadan Abed

Centos de gazatís reuníronse na chaira para ver a entrega, algúns desde o alto dos edificios en ruínas que a rodeaban, mentres que outros sentaron en cadeiras colocadas polas milicias.

"As Brigadas al Qasam (o brazo armado de Hamas) e a resistencia quixeron, durante a cerimonia de entrega dos corpos dos prisioneiros, respectar a santidade dos mortos e os sentimentos das súas familias", anunciou o grupo islamista nos instantes previos á entrega dos corpos.

No seu comunicado, Al Qasam reiterou que tanto os Bibas como Lifshitz morreron en bombardeos do propio exército israelí contra os puntos nos que permanecían detidos.

REUTERS/Ammar Awad REUTERS/Ammar Awad

Xa o 29 de novembro de 2023, cando Gaza atravesaba a primeira tregua da guerra (que terminou dous días despois), Hamas anunciou que Shiri, Ariel e Kfir faleceran nun dos bombardeos israelís previos a ese cesamento do fogo. Ata esta semana, non fixeran alusións a Lifshitz.

Tras a entrega, Cruz Vermella poñerá ao dispor do exército israelí os cadáveres nun punto dentro da Franxa onde se celebrará unha cerimonia na que estarán presentes membros das familias dos falecidos.

Desde alí, os vehículos militares levaranos ao instituto forense Abu Kabir de Tel Aviv para que pasen por un proceso de identificación que pode durar ata dous días.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade