Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alemaña celebra este domingo unhas eleccións coa ameaza da auxe da extrema dereita

Alemaña celebra este domingo unhas eleccións coa ameaza da auxe da extrema dereita

As enquisas apuntan a unha vitoria dos democristianos da CDU e unha forte caída dos socialdemócratas, que lle cederían o paso á extrema dereita

Arquivo / Kay Nietfeld / dpa
G24.gal 21/02/2025 19:47 Última actualización 21/02/2025 21:33

Alemaña celebra este domingo unhas eleccións decisivas. A extrema dereita toma posicións nun país en recesión e nun escenario de alta volatilidade comunitaria e global. O goberno que saia das urnas terá a difícil misión de revitalizar o liderado da Unión Europea na nova orde mundial liderada polos Estados Unidos, Rusia e A China.

As enquisas indican que algo está cambiando en Alemaña. Se se cumpren os prognósticos as urnas van desbaratar o tradicional consenso alemán, ese bipartidismo imperfecto que se converteu no piar de identidade xermano tras a Segunda Guerra Mundial.

Apuntan a unha vitoria dos democristianos da CDU e unha forte caída dos socialdemócratas, que lle cederían o paso á extrema dereita.

"Todo fai pensar que vai ser necesaria unha coalición entre a CDU, os socialdemócratas e os Verdes. É algo novo e prodúcese pola baixada dos socialdemocrátas e dos liberais e pola irrupción da extrema dereita, que segundo as enquisas pasa da quinta á segunda posición", di Paloma Castro Martínez, profesora de ciencia política na USC.

Alternativa por Alemaña creceu polo auxe global da extrema dereita, pero tamén como consecuencia da crise económica no país que dura xa seis anos. Como bandeira leva a loita contra a inmigración.  

 "Un discurso contra a inmigración que están asumindo tamén os partidos hexemónicos, que o incorporaron cos propostas moito máis restritivas. O seu caladoiro de votos está na antiga Alemaña do Leste, onde hai máis desemprego e máis desigualdade.  E ese sentimento aprovéitao a extrema dereita", explica Diego Mo Groba, profesor de Ciencia política da USC.

O novo executivo que saIa das urnas terá como principal obxectivo reactivar a economía de Alemaña, pero tamén recuperar o liderado da Unión Europea nun escenario de alta volatilidade comunitaria e global.

"A Unión Europea está nun momento crucial. Ten que decidir se vai seguir sendo aliada estratéxica dos Estados Unidos ou se, en vista do que está facendo Trump negociando con Rusia á marxe de Ucraína, se desvincula e toma unha posición máis autónoma tanto desde o punto de vista económico como en Defensa", di Paloma Castro".

Diego Mo asegura: "Alemaña sempre aspirou a ser a locomotora, a que empurre de Europa en termos económicos. De aí o dito 'se Alemaña tose a Unión Europea arrefríase'.

Ese é o gran temor que hai dentro de Europa, como pode afectar e repercutir a crise económica en Alemaña no resto de economías.

A economía alemá ten unha parte identitaria, ser o pulmón de Europa posiciónaos estratéxica e politicamente, porque supón poder"

Os expertos concordan. Sen unha Alemaña sólida económica e militarmente, Europa dificilmente poderá competir co avance dos Estados Unidos, Rusia e A China.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade