Morren dúas feridas no atropelo masivo de Múnic, investigado xa como un atentado islamista
As falecidas son unha nena de 2 anos e a súa nai de 37, as únicas afectadas que continuaban en estado crítico logo do atropelo do xoves pasado

Unha nena de dous anos e a súa nai de 37 morreron este sábado polas feridas sufridas no atropelo masivo que se produciu o xoves en Múnic (sur de Alemaña) e que as autoridades investigan como un posible atentado islamista, segundo informou a cadea rexional Bayerischer Rundfunk, que citou a Oficina Rexional de Investigacións Criminais (LK).
Dos 39 feridos que se contabilizaron, nai e filla eran as únicas que se achaban en estado crítico por mor do atropelo, que deixou ademais oito lesionados graves e dez de gravidade media.
Pouco antes de coñecerse a noticia, o chanceler alemán, Olaf Scholz, acudira a depositar flores ao lugar dos feitos, onde realizou un chamamento á unidade do país, e instou a que os autores deste tipo de actos sexan castigado con "toda a dureza da lei".
"É motivo de aflición e é algo que nos insta a facer todo o que está na nosa man para evitar esta clase de sucesos", declarou o chanceler con respecto ao atropelo masivo, o segundo deste tipo en dous meses despois do de Magdeburgo (leste), que causou seis mortos e varios centos de feridos o 20 de decembro.
A Fiscalía Xeral do Estado asumiu este venres a investigación dos feitos, despois de que a policía achara indicios que a facían sospeitar dunha posible motivación islamita.
O autor, un cidadán afgán de 24 anos, que foi detido no momento, recoñeceu no interrogatorio que arremetera de forma deliberada contra a manifestación de empregados públicos convocada polo sindicato Verdi e aduciu para iso unha "explicación relixiosa", segundo dixeron os investigadores o venres nunha rolda de prensa en Múnic.
De acordo co tabloide Bild, durante o interrogatorio o sospeitoso afirmou que Deus lle ordenara atropelar a xente "para envialos a todos ao paraíso".
En contra do que transcendera inicialmente, o detido achábase legalmente en Alemaña -aínda que a súa solicitude de asilo fora rexeitada en 2016- e non contaba con antecedentes penais, pero segundo algúns medios padecía alucinacións e comportárase de forma estraña nos últimos tempos.