Milleiros de libaneses volven ás súas casas nas primeiras horas do cesamento do fogo
Milleiros de libaneses volven ás súas casas nas primeiras horas do cesamento do fogo
Irán avoga por facer a tregua permanente e Israel traslada a presión a Hamas
3.800 mortos tras máis dun ano de bombardeos
Milleiros de libaneses regresaron este mércores ás súas casas no sur do país coincidindo co inicio da tregua acordada por Israel. De nada serviron os chamamentos do exército israelí ou do seu propio Goberno a esperar un tempo a que se asente o acordo do cesamento do fogo.
Son parte do millón douscentos mil desprazados polos bombardeos israelís. "Nacín outra vez, volvo respirar, botaba en falta o cheiro do sur", contaba un veciño de Tiro.
Do lado israelí da fronteira, os regresos á casa foron moito menos eufóricos. "Non conseguimos nada, desperdiciamos a vida dos nosos soldados", queixábase unha muller en Avivim, "é triste que o noso Goberno nos abandonase".
O sentimento común dos dous lados é a pena ao atopar as súas casas estragadas, tanto no lado libanés coma no hebreo.
O acordo do cesamento do fogo entrou en vigor a pasada madrugada. Polo momento discorre sen incidentes, agás un tiroteo a un coche por parte do exército israelí e a detención de catro milicianos de Hezbollah que entraran na área restrinxida.
Cara a esa zona, ao sur do río Litani, comezaron a chegar os 5.000 soldados libaneses que, cos Cascos Azuis da ONU irán enchendo o baleiro que deixe o repregamento dos contendentes.
A tregua durará 60 días. O ministro de Exteriores de Irán, o gran patrocinador de Hezbollah, confía en facela permanente.
O Goberno israelí espera que a fin das hostilidades no norte meta presión a Hamas para aceptar un acordo semellante en Gaza, incluída a liberación do cento de reféns retidos desde hai case 14 meses.