Netanyahu decide apelar contra a orde de arresto emitida pola CPI
Netanyahu decide apelar contra a orde de arresto emitida pola CPI
O Goberno israelí non recoñece a autoridade da CPI nin as ordes de detención correspondentes
O primeiro ministro de Israel, Benjamín Netanyaju, confirmou este mércores que vai apelar contra a orde de arresto que emitiu a Corte Penal Internacional (CPI) contra el e o exministro de Defensa Yoav Gallant. Foron emitidas o pasado 21 de novembro e foron acusados de crimes de guerra por mor da ofensiva israelí na Franxa de Gaza.
A información chegou por medio dun comunicado da oficina do primeiro ministro, no que tamén manifestan a súa intención de "apelar no tribunal cunha demanda para atrasar a execución das ordes de arresto". Afirman tamén que a notificación "revela en detalle o inverosímil e carente de fundamento fáctico ou legal que foi a decisión de emitir as ordes de arresto". Por outra parte, o Goberno de Israel expresa que non recoñece a autoridade da CPI nin as ordes de detención correspondentes.
Medios israelís revelaron que a participación de Francia nas negociacións para o cesamento do fogo no Líbano, entre Israel e a milicia xiíta Hizbulá, estivo condicionada ao compromiso de que París anunciase que non cumpriría coa orde de arresto contra Netanyahu emitida pola CPI.
O anuncio da apelación produciuse tras unha reunión entre Netanyahu e o senador estadounidense Lindsey Graham en Xerusalén, nun encontro no que discutiron as iniciativas impulsadas no Congreso estadounidense para sancionar os países que cooperen coa CPI.