TikTok eliminará os filtros de beleza en menores de 18 anos para protexer a súa saúde mental
TikTok eliminará os filtros de beleza en menores de 18 anos para protexer a súa saúde mental
A medida responde a un estudo da ONG británica Internet Matters, no que manifestan a súa preocupación polo impacto destes filtros no sentido da identidade dos menores
A rede social TikTok confirmou este mércores que impedirá a nivel global que os menores de 18 anos usuarios da aplicación empreguen efectos que alteren a súa aparencia, en referencia aos filtros de beleza. A medida será imposta nas vindeiras semanas e ten como obxectivo protexer a saúde mental dos usuarios.
Esta iniciativa responde a un estudo encargado á ONG británica Internet Matters no que se manifestan preocupacións polo impacto de ditos filtros no sentido da identidade dos menores. TikTok comprometeuse a restrinxir o emprego de algúns filtros de apariencia aos menores de 18 anos aínda que afirman que hai unha "distinción clara" entre os filtros deseñados para ser "obvios e divertidos", como os que engaden trazos animais, e os que "alteran a túa aparencia" de maneira case indetectable para quen mira.
A responsable de Políticas Públicas de Seguridade e Benestar de Europa, Niki Soo, confirmou que a medida estará vixente en todo o mundo e que xa din "proactivamente" aos usuarios cando se empregan certos efectos nos contidos que ven. Con todo, agora darán "máis información sobre como un efecto pode cambiar a súa aparencia" e incidirán en facer entender os "resultados indesexables" destes.
A saúde mental, en primeiro lugar
O pasado outubro, catorce fiscais estatais de Estados Unidos denunciaron a TikTok por danar a saúde mental infantil e acusárona de empregar un sistema de contidos adictivo co que se lucran dos usuarios máis mozos, en referencia a estes filtros de beleza.
Denuncian tamén que poden baixar a autoestima, especialmente a das mozas menores, e citaron estudos segundo os cales o 50 % non se ven lindas sen editar os seus rostros e o 77 % din que tentan cambiar ou ocultar algunha parte do seu corpo con esa ferramenta.
TikTok revelou que elimina 6 millóns de contas cada mes creadas por menores de 13 (a súa idade mínima), polo que colabora con ONG, lexisladores e reguladores para reforzar as súas barreiras, e baralla axudarse tamén da tecnoloxía do 'machine learning'.
Tamén anunciou que nas próximas semanas ofrecerá aos seus usuarios en 13 países europeos liñas telefónicas de axuda locais con expertos para o momento en que "reporten contidos na app sobre suicidio, autolesión e acoso", que a plataforma xa investiga e elimina se detecta que se violaron as súas políticas.