Publicador de contidos
Publicador de contidos

Von der Leyen define a Teresa Ribera como unha europea "verdadeira e comprometida"

Von der Leyen define a Teresa Ribera como unha europea "verdadeira e comprometida"

A presidenta da Comisión Europea encarga a Ribera que despregue "unha política de competencia moderna"

Von der Leyen e Teresa Ribera no Parlamento Europeo (Reuters/Yves Herman) Von der Leyen e Teresa Ribera no Parlamento Europeo (Reuters/Yves Herman)
G24.gal 27/11/2024 10:35 Última actualización 27/11/2024 11:00

"Teremos a Teresa Ribera Rodríguez, a nosa primeira vicepresidenta executiva para unha Transición Limpa, Xusta e Competitiva. Está moi capacitada para garantir que teñamos unha política de competencia moderna que apoie as nosas ambicións. É unha verdadeira e comprometida europea. E xuntos, sempre traballaremos polo interese europeo".

Así definiu a Ribera a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, no seu discurso ante o pleno do Parlamento Europeo reunido en Estrasburgo que ao mediodía votará a aprobación do seu novo Colexio de Comisarios.

Von der Leyen encargoulle que despregue "unha política de competencia moderna", traballando estreitamente co francés Stéphane Séjourné, que exercerá "incansablemente como vicepresidente executivo para unir as dimensións da industria e o mercado interno".

Von der Leyen no seu discurso ante o Parlamento Europeo (Reuters/Yves Herman) Von der Leyen no seu discurso ante o Parlamento Europeo (Reuters/Yves Herman)

"Xuntas, sempre traballaremos polo interese europeo", remachou Von der Leyen, quen tamén quixo deixar claro que mantén o seu compromiso de presentar nos primeiros 100 días de mandato o xa anunciado Pacto para unha Industria Limpa, co que desbloquear o investimento, crear mercados punteiros para a tecnoloxía limpa e establecer as condicións para que as empresas europeas crezan e poidan competir con rivais na China ou nos Estados Unidos.  

Se se cumpren os prognósticos, o novo colexio de comisarios contará co aval dunha maioría suficiente de populares, socialistas e liberais europeos, máis votos de parte dos Verdes e algúns de Conservadores e Reformistas, para tomar a substitución do Executivo saínte xa este domingo, 1 de decembro.

Von der Leyen prometeu que pelexará por que o seu novo equipo de 26 comisarios traballe "desde o centro", supere a "fragmentación" e permaneza unido ante os retos da nova lexislatura.

"(O labor da nova Comisión Europea) supoñerá, por encima de todo, permanecer unidos e fieis aos nosos valores, atopar formas de traballar uns con outros e superar a fragmentación", dixo ante a Eurocámara.

Von der Leyen dixo que a seguridade de Europa será "sempre" a prioridade do próximo Executivo comunitario, e recalcou que Bruxelas presentará un libro branco sobre o futuro da defensa nos primeiros cen días do novo mandato.

Tamén subliñou a importancia de que a Unión Europea reforce a súa seguridade "nun mundo tan disputado e fráxil como o actual", e instou a incrementar o gasto do club comunitario en defensa, ademais de incidir en que se quere que Ucraína sexa parte da UE.

A presidenta da Comisión fixo referencia á Europa das décadas pasadas e ao traballo que se fixo desde as institucións comunitarias e concluíu que "a nosa pelexa pola liberdade pode parecer diferente á de xeracións pasadas, pero o que está en xogo é igual de serio", engadiu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade