Publicador de contidos
Publicador de contidos

Polo menos 20 falecidos polas avalanchas e riadas no oeste de Indonesia

Polo menos 20 falecidos polas avalanchas e riadas no oeste de Indonesia

A zona máis afectada é Karo, no norte da illa de Sumatra, onde se rexistraron dez das vítimas

Corremento de terra polas fortes choivas en Karo, no oeste de Indonesia / Reuters Corremento de terra polas fortes choivas en Karo, no oeste de Indonesia / Reuters
G24.gal 26/11/2024 13:43

Os servizos de emerxencia de Indonesia elevaron este martes a 20 os mortos tras un corremento de terra e as riadas que impactaron a pasada fin de semana contra varias aldeas do norte da illa de Sumatra, no oeste de Indonesia.

O voceiro da Axencia Nacional de Xestión de Desastres, Abdul Muhari, precisou que aínda hai dúas persoas desaparecidas. Muhari indicou tamén que os traballos de rescate e recollida de rebo prolongaranse ata o vindeiro sábado na zona afectada polo esvaramento de terra, ocorrido tras intensas precipitacións na rexión.

A zona máis afectada é Karo, onde se rexistraron dez vítimas, mentres que o desastre tamén impactou en Deli Serdang, Padang Lawas e Tapsel. Os equipos de rescate, axudados por maquinaria pesada e efectivos do exército, atópanse na zona e tratan de recuperar os corpos das vítimas da densa capa de auga e lama que envolven as diferentes poboacións.

O arquipélago indonesio, con máis de 17.000 illas, sofre numerosos incidentes de inundacións e corrementos de terra durante a estación de choivas, especialmente entre os meses de novembro e marzo. O pasado mes de maio, polo menos 59 persoas perderon a vida polas riadas con auga e lava fría procedente do volcán Marapi, por mor dun temporal que azoutou a provincia de Sumatra Occidental, no oeste do arquipélago. Segundo os ecoloxistas, moitos destes desastres naturais agudizáronse pola deforestación que sofre o país a mans do home e que está rematando cos seus bosques tropicais.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade