Publicador de contidos
Publicador de contidos

As contradicións do plan fiscal, por Santiago Calvo

OPINIÓN

As contradicións do plan fiscal, por Santiago Calvo

Santiago Calvo 25/11/2024 07:59

En xuño deste ano a Comisión Europea pediunos que aprobásemos un plan fiscal que promovese un crecemento económico sostible. Para iso, tiñamos que revisar e simplificar o noso sistema fiscal para apoiar o crecemento e o emprego, a cohesión e a transición enerxética. Parece que as medidas aprobadas o pasado xoves van na dirección contraria.

A maioría das medidas fiscais precisamente castigan o investimento empresarial e o crecemento. E, de saír adiante o imposto ás enerxéticas, é probable que se xeren barreiras adicionais para a transición enerxética, xa que a carga fiscal desincentivará o desenvolvemento de proxectos renovables e sustentables. Ademais, o proceso de aprobación destas medidas tampouco contribuíu a xerar o clima de seguridade xurídica necesario para favorecer a confianza dos investidores e o impulso de proxectos a longo prazo.

En canto á cohesión territorial, resulta sorprendente que a recadación do imposto á banca vaia beneficiar maioritariamente as rexións máis ricas. Segundo o deseño aprobado, os fondos serán distribuídos entre as comunidades autónomas en función do seu PIB, favorecendo de maneira desproporcionada aquelas cunha maior contribución á economía nacional. Este criterio de repartimento perpetúa unha importante fenda entre territorios, pois rexións como Cataluña ou Madrid recibirán ingresos moito maiores que outras como Estremadura, Cantabria ou A Rioxa. A Galicia tocaríanlle uns 88 millóns de euros, que é unha cantidade ao redor de catro veces menor que o que lles corresponde a Cataluña ou Madrid.

Esta fórmula ignora indicadores máis xustos, como as necesidades fiscais ou a poboación axustada, cuestionando o principio de solidariedade e cohesión territorial, e xerando un agravio que pode intensificar as desigualdades entre as distintas comunidades autónomas.

En resumo, en xuño, Europa pediunos que promovésemos crecemento e cohesión cun sistema fiscal simplificado e sostible. En resposta, queremos aprobar un imposto ás enerxéticas que frea os proxectos renovables e outro á banca que enriquece as rexións máis ricas. Todo un exemplo de innovación fiscal... se o obxectivo era contradicirnos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade