O BBVA alerta de que o modelo de crecemento baseado nos servizos prexudica o rural
O BBVA alerta de que o modelo de crecemento baseado nos servizos prexudica o rural
A entidade prevé que a economía galega medrará este ano un 2,9% e o que vén un 2,5%.
O economista xefe para España augura unha competencia global polo capital humano ante o avellentamento da poboación nas economías desenvolvidas.
Miguel Cardoso, economista xefe do BBVA para España, afirma que a situación económica en Galicia é positiva debido ao comportamento do turismo e das exportacións, que poden, segundo augurou, verse beneficiadas polo descenso dos tipos de xuro.
Nunha entrevista na Radio Galega, Cardoso debullou o informe "Situación Galicia 2024" no que o BBVA conclúe que a economía galega pechará o ano cun crecemento do 2,9 % que se moderará en 2025 ata o 2,5 %.
"O principal obxectivo de Galicia debería ser converxer non soamente con España senón tamén coas economías máis ricas da Eurozona".
En palabras do economista xefe do BBVA para España ata 2025 "crearanse entre 20 mil e 30 mil postos de traballo e que descenderá o paro", pero -advertiu- "coa incerteza de como evolucionará a poboación en idade de traballar e do impacto que terá a inmigración".
Cardoso explicou que, a pesar do crecemento do emprego, o consumo non se está a incrementar ao mesmo ritmo porque "conforme nos facemos maiores tendemos a aforrar máis". Así as cousas, engadiu, "haberá que importar cada vez máis traballadores ou potenciar os procesos de automatización".
"A redución da poboación en idade de traballar levará a unha competencia global polo capital humano".
Miguel Cardoso vaticionou que as empresas terán dificultades para atopar os perfís que demandan polo que "a redución da poboación en idade de traballar é un dos grandes retos aos que se enfronta o noroeste de España e, en xeral, as economías desenvolvidas".
Modelo de crecemento
O economista xefe do BBVA para España atribuíu a recuperación económica ao turismo e ao crecemento do emprego público.
Con todo, Miguel Cardoso advertiu que o modelo de crecemento actual baseado no sector dos servizos "beneficia os núcleos urbanos en detrimento das áreas máis rurais". Engadiu que os sectores que menos proveito están obtendo desta situación de bonanza son os relacionados coa produción de bens como o sector da moda porque "estamos vendo que a xente está adquirindo menos roupa". Tamén o do automóbil coas matriculacións "por debaixo dos niveis previos a 2019".
Economía española
Miguel Cardoso explicou que, a nivel de España, as economías que máis crecen son as que teñen maior exposición ao turismo estranxeiro como as illas e as comunidades do Mediterráneo. Con todo, expuxo, nestes puntos estase observando "un proceso relativamente sorprendente" como son os servizos non turísticos relacionados coas TIC, o transporte, as finanzas..., nos que, asegurou, "hai moita capacidade de crecemento".
Pola contra, o crecemento lastrarase nas comunidades con máis peso da produción manufactureira e máis dependentes de "mercados que non acaban de medrar como é o caso de Alemaña".