Publicador de contidos
Publicador de contidos

A COP29 acorda in extremis que os países ricos acheguen 300.000 millóns de dólares

A COP29 acorda in extremis que os países ricos acheguen 300.000 millóns de dólares

Os preto de 200 países reunidos no Cume do Clima de Bakú selaron o compromiso co que fixaron a nova meta de financiamento climático

O presidente da COP29 baixa o martelo tras o acordo. REUTERS/Maxim Shemetov O presidente da COP29 baixa o martelo tras o acordo. REUTERS/Maxim Shemetov
G24.gal 24/11/2024 08:32 Última actualización 24/11/2024 09:39

A COP29 acordou de madrugada, tras dúas semanas de intensas negociacións, momentos de crises e caos no treito final, o acordo financeiro polo que os países ricos pagarán 300.000 millóns de dólares anuais ao mundo en desenvolvemento para custear alí a acción climática.

Nun plenario interrompido varias veces para ultimar o texto, os preto de 200 países reunidos no cume de Bakú selaron por fin o acordo co que fixaron a nova meta de financiamento climático, que substitúe a anterior de 100.000 millóns de dólares anuais.

Os negociadores pasaron as últimas dúas semanas discutindo os detalles deste obxectivo, que establece a cantidade de 1,3 billóns de dólares anuais para 2035, aínda que só 300.000 millóns deberán proverse a través de axudas e da mobilización de fondos privados con apoio público.

Os delegados, xornalistas e público presentes na xigantesca sala onde se celebraba o plenario, romperon en aplausos e ovacións cando o presidente da COP29, Mukhtar Babayev, baixou o martelo sobre o acordo financeiro.

Deste xeito, os estados podentes comprométense a asumir parte da factura que a transición ecolóxica comporta para os países do Sur Global, os menos responsables históricamente do quecemento global e, ao mesmo tempo, os que máis sofren as súas consecuencias.

Reforma da arquitectura financeira

O texto reitera unha das demandas que estes estados con menos recursos levan anos manifestando nestes foros: a reforma da arquitectura financeira internacional, para "abordar os obstáculos" aos que se enfrontan á hora de acceder ao financiamento climático.

Eliminar as barreiras e os elevados custos de capital, as limitacións fiscais, os “niveis insostibles de débeda” ou os altos custos de transacción, son algunhas das propostas.

Recoñece, así mesmo, a necesidade especial de achegar "recursos públicos, subvencións e financiamento en condicións moi favorables, en particular para a adaptación e a resposta aos danos e perdas" do cambio climático nos países "menos adiantados".

Contamina pero paga a factura

As partes reafirman o principio do Acordo de París que fai referencia ás responsabilidades compartidas pero diferenciadas dos países na crise climática: os considerados "desenvolvidos" emiten máis gases de efecto invernadoiro e, polo tanto, deben asumir boa parte da factura.

O grupo de economistas de alto nivel ao que a ONU encargou un informe sobre financiamento climático cifrou en 2,4 billóns de dólares anuais o custo da transición e adaptación climática no mundo en desenvolvemento para 2030.

Porén, calculou que, desa cantidade, 1,4 billóns poderán achegalos os países do Sur Global dos seus propios petos, mentres que o billón restante deberá provir de financiamento externo.

Mediante a nova meta global de financiamento climático fixado en Bakú, os estados ricos comprometéronse a mobilizar en total 1,3 billóns de dólares anuais para 2035 pero cunha primeira capa asegurada, de 300.000 millóns.

Unha activista no peche do cumio en Baku. REUTERS/Murad Sezer Unha activista no peche do cumio en Baku. REUTERS/Murad Sezer

O monto maior é o que suxeriron os países en desenvolvemento nos primeiros días da COP29, aínda que o pedían para 2030, pero a capa central do obxectivo queda aínda lonxe dos 500.000 millóns de dólares que esixiron.

Esa capa, tamén chamada "corazón" do obxectivo, estará composta "dunha ampla variedade de fontes", públicas e privadas, bilaterais e multilaterais, segundo o acordo.

Convídase, doutra banda, a que as partes poidan contabilizar voluntariamente como financiamento climático os fondos que proveñen de bancos multilaterais de desenvolvemento, cuxos doantes non son exclusivamente os países ricos.

As categorías

As categorías "desenvolvidos" e "en desenvolvemento" responden a unha clasificación que data de 1992, ano en que naceu a Convención da ONU sobre Cambio Climático, produto do Cume da Terra en Río de Xaneiro.

Pero agora, 32 anos despois, países desenvolvidos como os Estados Unidos ou a Unión Europea alegan que o mundo cambiou, e xa non poden considerarse en desenvolvemento, por exemplo, A China, Os Emiratos Árabes Unidos ou Kuwait.

Pero o texto acordado en Bakú "alenta" os países en desenvolvemento a que fagan contribucións "voluntarias" para alimentar o financiamento climático de 1,3 billóns anuais dirixidos cara a países do Sur Global.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade