Tempo solleiro e temperaturas altas no martes de Entroido
A cidade de Pontevedra rexistrará os 22°, tamén chegarán aos 21 en Vigo ou aos 20 en Ourense
Haberá importantes diferenzas entre máximas e mínimas cun contraste térmico de ata 15 graos
O tempo acompaña sen choiva a maioría de concellos galegos neste Martes de Entroido. Nalgunhas zonas mesmo se superan os 20 graos. É o caso da cidade de Pontevedra, que hoxe rexistrará os 22°, a máxima de Galicia. Tamén chegarán aos 21 en Vigo ou aos 20 en Ourense.
Un tempo solleiro e temperaturas primaverais que tamén se deixan sentir no ánimo, con turistas e autóctonos aproveitando a xornada ao aire libre. Unha situación semellante repítese en toda Galicia.
Ana Celia Vázquez, de 'O tempo', explica que "este martes de entroido será unha xornada luminosa en toda a comunidade, pero tamén é certo que o vento vai acompañar dende primeira hora. As temperaturas volvemos falar de máximas por riba de 20 graos nas Rías Baixas, en Ourense, no Ribeiro e incluso na Ribeira Sacra".
Os 22 graos de máxima desta xornada en Pontevedra, por exemplo, contrastan cos 7 de mínima. 15 graos de diferenza que obrigan a tirar de capas á hora de vestir. E semella que nos próximos días pode cambiar a situación. Ana Celia Vázquez avanza que "a partir de mañá aumenta a inestabilidade, aumentan os chuvascos, pero aínda así as temperaturas máximas han acompañar".
Toca aproveitar nesta xornada dese sol que permitirá gozar dos festexos do Martes de Entroido.