A policía de Pontevedra investiga a malleira de tres mozos a un veciño de Mourente
Ocorreu de madrugada, sen motivo aparente e tras a celebración da Festa do Caldo da localidade

A Policía Nacional de Pontevedra investiga a brutal malleira que recibiu, sen motivo coñecido, un veciño de Mourente a mans, presuntamente, de tres mozos.
Aconteceu o pasado luns na madrugada que seguiu á coñecida Festa do Caldo da localidade pontevedresa, onde se dan cita centos de persoas da contorna. O agredido sufriu lesións nun brazo, costelas rotas e numerosas mazaduras, e non quixo falar diante das cámaras, só lembra que coincidiu cos presuntos agresores neste bar contra as 3 da mañá.
Pouco despois, os tres, agochados preto dun lavadoiro, mallaron nel. A persoa que acompañaba a vítima puido fuxir, mentres el tivo que ser atendido no hospital Montecelo, a pouca distancia do lugar.