Unha lúa de sangue tingue por instantes de cor cobreada o ceo
En Galicia puideron presenciarse as primeiras fases da eclipse lunar total, un fenómeno no que a Terra se interpón entre o Sol e a Lúa chea e bloquea a luz solar directa
O ano que vén, en 2026, espérase que haxa outra eclipse total, pero neste caso será solar e poderase contemplar mellor desde Europa
.png)
Unha Lúa de sangue tinguiu por instantes de cor cobreada o ceo. En Galicia puideron presenciarse as primeiras fases da eclipse lunar total, un fenómeno no que a Terra se interpón entre o Sol e a Lúa chea e bloquea a luz solar directa. E, á diferenza das eclipses solares, para a lunar non é necesaria a protección ocular.
Unha eclipse total como a que viviu a Lúa a madrugada deste xoves ao venres, na que se tinguiu de vermello, non se poderá volver ver ata o ano 2048, segundo explicou Yasmina Martos, científica da axencia espacial estadounidense (NASA) nunha entrevista con EFE.
Martos, científica planetaria do Centro de Voo Espacial Goddard da NASA, detallou que este fenómeno se produce porque o Sol, a Terra e a Lúa están aliñados de maneira que o satélite pasa pola sombra completa do noso planeta. Segundo aclarou, unha aliñación deste tipo ocorre cada seis meses, pero o feito de que a órbita do noso satélite sexa inclinada fai que se dean eclipses parciais, non como a que ocorreu esta noite. Cando se trata dunha completa, ademais, dáse outro fenómeno astronómico coñecido como a Lúa de Sangue.
Esta eclipse é aínda máis especial para os científicos da NASA porque a data na que se produce (o 14 de marzo) é o Día de Pi (3,14), a constante matemática que se utiliza en moitos campos científicos e neste caso axuda aos astrónomos a calcular que parte da Lúa estará cuberta pola sombra da Terra.
"É moi complicado que coincida con este día. Pi é un número moi importante non só para as matemáticas, senón para toda a ciencia, case. É bastante espectacular", opinou sobre a coincidencia.
O ano que vén, en 2026, espérase que haxa outra eclipse total, pero neste caso será solar e poderase contemplar mellor desde Europa.