Galicia podería ser clave na independencia industrial da UE grazas aos seus recursos minerais
O catedrático de Física de Partículas da USC e presidente do Foro Fieito, Luis Miguel Varela Cabo, asegura que "non é posible a transición enerxética sen materias primas críticas e non é posible a defensa. Entón temos que ver onde están e ver como explotalas"
"Esta explotación debe facerse en condicións medioambientalmente sostibles, en equilibrio coa poboación e doutros sectores estratéxicos do resto da economía, o cal é perfectamente posible", sostén Varela Cabo

"É moi conveniente que a comunidade teña plena información sobre os recursos dos que dispón e os poida poñer en valor, sempre de forma medioambientalmente sostible", sostén Luis Miguel Varela Cabo, catedrático de Física de Partículas da USC e presidente do Foro Fieito, quen explica que "Galicia é unha terra que ten unha xeoloxía favorable para a presenza de moitos elementos metálicos que hoxe constitúen o mapa das materias que son críticas para o desenvolvemento de sectores industriais estratéxicos presentes e futuros".
Nese mapa, segundo anunciou este mércores a Comisión Europea, está o proxecto mineiro de Doade, para extraer litio no concello ourensán de Beariz. O litio, explica Varela Cabo, é unha das moitas materias presentes ao longo da xeografía galega, principalmente no sur do país e cara á fronteira con Portugal, pero tamén metais de transición como o iridio ou o titanio, e as "famosísimas terras raras".
Para o presidente do Foro Fieito, a explotación destes recursos é imprescindible de cara ao desenvolvemento industrial ao que o mundo asiste na actualidade. "Non é posible a transición enerxética sen materias primas críticas", asegura, "non é posible a transición enerxética sen terras raras, non é posible a defensa sen terras raras nin materias primas críticas metálicas, e entón temos que ver onde están e como explotalas".
Deste xeito. Varela Cabo di que isto tamén debe ir acompañado de ver como reciclar esas materias primas unha vez esgotada a súa vida útil: "Temos que comprometernos seriamente coa circularidade, que se poida recuperar a materia prima crítica, que tamén é unha forma de minería verde sostible circular".
"É necesario lanzar a mensaxe de que isto debe ser utilizado para un desenvolvemento industrial interno", insiste o catedrático de Física de Partículas, para que "a maior parte do valor engadido bruto reverta sobre o territorio".
O presidente do Foro Fieito defende a importancia deste sector desde un punto de vista estratéxico, tanto económico como político, para que a Unión Europea poida desenvolver a súa industria e manter a súa independencia respecto a outras economías globais: "A dependencia nestes materiais de potencias que, ou ben non nos son de todo amigables, ou ben que poidan entrar en concorrencia competitiva coa UE debe ser paliada na medida do posible".
E respecto ao temor que esperta este tipo de minaría, Varela Cabo defende que "esta explotación debe facerse sempre en condicións medioambientalmente sostibles e en equilibrio coas poboacións e cos distintos sectores estratéxicos do resto da economía, e sen prexuízo dos mesmos, o cal é perfectamente posible".
"Por suposto que é viable, e ademais existen experiencias internacionais moi interesantes ao respecto que temos que poñer en valor, que temos que imitar e que temos que adaptar ás nosas características". "Hai que lanzar unha mensaxe de tranquilidade ás poboacións", conclúe.