Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ciencia Singular, xornada de portas abertas á investigación da Universidade de Santiago

Ciencia Singular, xornada de portas abertas á investigación da Universidade de Santiago

Obradoiros, visitas aos laboratorios e relatorios científicos para que a cidadanía saiba en que traballan os investigadores galegos

Os máis curiosos son os cativos, que desde a inocencia preguntan sen reparo

G24.gal 23/11/2024 21:02

A investigación científica dos principais centros universitarios da Universidade de Santiago abriuse este sábado á cidadanía para que todos poidamos coñecer o traballo que desenvolven os científicos galegos no ámbito da física, da química, da medicina molecular, e das tecnoloxías intelixentes e ambientais.

Entramos nos laboratorios de química para descubrir as aplicacións biomédicas nas que traballan os nosos científicos, coñecer o funcionamento das células ou descubrir como se ve por un microscopio avanzado. Hoxe a ciencia singular está aberta a toda a cidadanía. 

"O obxectivo é por unha banda amosar o que facemos nestes centros de investigación, na universidade galega e a proxección tamén. Pero tamén se trata de facer un diálogo e recoller os intereses, as preguntas da cidadanía e saber o que demanda a sociedade dos científicos", asegurou Dolores Pérez, directora adxunta do CIQUS.

E se alguén ten curiosidade é a cativada. O seu interese por descubrir como funciona o mundo e a súa ansia de saber e experimentar, apunta cara a vocacións futuras.

"Fixen unha pelotiña de goma cunha tintura azul, aínda non probei como saltaba, pero vai saltar ben", confía Duarte Pereira, un dos rapaces que participa nos experimentos químicos. 

Un reto tamén para os científicos, ser quen de simplificarmos a ciencia para que nos acheguemos a ela sen pudor. 

"Trátase xusto diso, de ensinar que non hai preguntas parvas. A curiosidade é o que nos leva a aprender. É necesario e bonito que a xente sen coñecementos previos teñan o dereito e o impulso de querer saber o que facemos aquí", relata Luís Mateo, investigador do CIQUS.

As prazas para esta edición quedaron esgotadas desde o primeiro día de inscrición. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade