Publicador de contidos
Publicador de contidos

O fiscal solicita desestimar os casos contra Trump polo asalto ao Capitolio e o uso de documentos confidenciais

O fiscal solicita desestimar os casos contra Trump polo asalto ao Capitolio e o uso de documentos confidenciais

Smith remarcou que Trump gañou as eleccións e que a política interna do Departamento de Xustiza prohíbelle proceder con acusacións penais contra un presidente en exercicio

G24.gal 25/11/2024 19:27

O fiscal especial Jack Smith solicitou este luns desestimar o caso contra o presidente electo de Estados Unidos, Donald Trump, polo asalto ao Capitolio de 2021 antes de que asuma o poder o próximo 20 de xaneiro.

Smith solicitou tamén desestimar o caso contra Trump polo mal manexo de documentos confidenciais tras a saída da Casa Branca no seu primeiro mandato (2017-2021).

Nun escrito xudicial, Smith remarcou que Trump gañou as eleccións do pasado 5 de novembro e que a política interna do Departamento de Xustiza prohíbelle proceder con acusacións penais contra un presidente en exercicio.

Tras consultalo coa Oficina de Asesoría Xurídica, Smith concluíu que "a acusación debe ser desestimada antes de que o acusado tome posesión".

A xuíza que leva o caso, Tanya Chutkan, do tribunal federal do distrito de Columbia, concedeu o pasado 8 de novembro unha pausa ao caso despois de que así llo solicitase o fiscal para ter tempo para analizar as consecuencias do resultado electoral do pasado 5 de novembro.

Trump, que xa foi presidente entre 2017 e 2021, está acusado no distrito de Columbia polos seus intentos para reverter os resultados das eleccións que perdeu en 2020 contra o actual mandatario, Joe Biden, e por presuntamente instigadar o asalto ao Capitolio do 6 de xaneiro de 2021.

O republicano dixo durante a campaña que no seu primeiro día como presidente despediría a Smith e ordenaría ao Departamento de Xustiza pechar os casos na súa contra que, segundo sostén, foron motivados por unha persecución política.

A vitoria electoral de Trump, quen chegou a estar imputado por catro casos penais, está a permitirlle despexar o seu horizonte xudicial.

O republicano converteuse en maio no único expresidente de Estados Unidos declarado culpable nun caso penal, por falsificar documentos para facer pagos irregulares a Stormy Daniels e tapar así a súa aventura con esa actriz porno, pero o xuíz aprazou a semana pasada sen data a súa sentenza.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos