Publicador de contidos
Publicador de contidos

Desaloxan en Vigo un home con síndrome de Dióxenes e ingrésano no hospital

Desaloxan en Vigo un home con síndrome de Dióxenes e ingrésano no hospital

A familia, que reside noutras plantas da vivenda, avisou os bombeiros, alarmada por un forte olor a gasolina e porque o home non respondía ás chamadas

Atopáronse toneladas de lixo e un altísimo nivel de monóxido de carbono

G24.gal 26/11/2024 13:27

"Unha porqueira insalubre na que non viviría nin un porco". Así cualificaron os bombeiros de Teis a vivenda en que desaloxaron un home con síndrome de Dióxenes.

O propietario foi trasladado ao hospital e tiveron que retirar dous bidóns de gasolina que o poñían en risco a el e ao resto dos veciños.

Tres familias viven nesta casa herdada dos pais no barrio de Teis en Vigo. O problema comezou no 2006 coa morte dos propietarios.

Un dos fillos, prexubilado do servizo de limpeza, pechouse na primeira planta desta casa. Abaixo vive o seu cuñado, Ángel Iglesias, e arriba o sobriño e os seus fillos.

Conta Ángel que o seu cuñado non fala con ninguén e se pecha alí... "Non sabía nin como estaba, e onte cando entrou a policía.... Eu non estaba, pero amosáronme as fotos e, cago en tal, non se ve un moble, todo chatarra, latas de cervexa, de todo... entullos, todo". 

A familia avisou os servizos de emerxencia, alarmada polo forte olor a gasolina que saía da vivenda e porque o home non respondía as chamadas. Os bombeiros entraron na casa e atoparon dous bidóns de gasolina, que tamén estaba derramada no chan, e toneladas de lixo. Tamén fixeron medicións de gases tóxicos e tiveron que ventilar a vivenda polo altísimo nivel de monóxido de carbono rexistrado. 

Segundo Ángel: "Baldearon, non sei que lle botaron porque estaba todo cheo de gasolina. E diante da poli foi cando dixo que ía acender un cigarro, e foi cando o levaron... Con gasolina e todo íao acender...".

O home foi traslado ao servizo de saúde mental do CHUVI para ser tratado dunha síndrome de Dióxenes. A familia é consciente de que hai anos que non está ben.

O seu cuñado relata o incidente que tivo hai pouco con él nun bar: "El estaba no mostrador e pediu un bocadillo, e segundo saíu, eu estaba sentado mirando o partido do Real Madrid, e ao pasar xunto a min, non sei se me deu coa bolsa do bocadillo ou coa man. Sei que me deu e empecei a sangrar polo oído e tivéronme que dar puntos. Está denunciado, e a ver!".

De momento, os veciños da vivenda respiran tranquilos, pero inquedos só de pensar que vai pasar cando lle dean a alta no hospital e decida volver.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade