Detidas cinco persoas na Pobra do Caramiñal por tráfico de drogas
Detidas cinco persoas na Pobra do Caramiñal por tráfico de drogas
Os arrestados, dous homes e tres mulleres, distribuían cocaína, haxix e marihuana a consumidores da comarca
O xuíz enviou a prisión o dirixente da banda e deixou en liberdade os outros catro detidos
A Garda Civil detivo cinco persoas dun clan familiar por tráfico de drogas na Pobra do Caramiñal. Foi no marco da chamada Operación Oinferno. Os arrestados, dous homes e tres mulleres, están acusados dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas.
A investigación, iniciada en xuño de 2024, permitiu identificar un punto de venda de substancias estupefacientes situado no centro urbano da localidade.
O principal responsable do grupo, un home con antecedentes por delitos relacionados con drogas, operaba xunto a outros membros do clan familiar na distribución de cocaína, haxix e
marihuana a consumidores da comarca.
Co obxectivo de dificultar os labores policiais, o xefe trasladou a actividade delituosa desde o domicilio inicial a unha vivenda unifamiliar nunha zona illada, a onde acudían máis de trinta persoas por xornada para mercar droga as 24 horas do día.
Os axentes detiveron o xefe da banda cando saía do domicilio en patinete; pouco despois, arrestou os outros catro membros do grupo.
Durante os rexistros domiciliarios, autorizados polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución N.º 3 de Ribeira, interviñéronse 50 gramos de cocaína, 284 de haxix e 1.382 gramos de marihuana envasados en 13 tarros herméticos. Ademais, os axentes incautáronse de 2.800 euros en efectivo, unha pistola de aire comprimido, varios coitelos e un teléfono móbil.
A operación permitiu desactivar dous puntos de venda de drogas na comarca do Barbanza. Tras seren postos á disposición do Xulgado de Primeira Instancia de Ribeira, o xuíz decretou o ingreso en prisión do xefe da banda e deixou en liberdade os otros catro implicados.