Almuíña defende a contratación en pandemia da Xunta con Feijóo como "especialista maior"
Almuíña defende a contratación en pandemia da Xunta con Feijóo como "especialista maior"
Jesús Vázquez Almuíña, actual alcalde de Baiona, estivo á fronte da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia entre os anos 2015 e 2020
O exconselleiro de Sanidade Jesús Vázquez Almuíña, que ocupou este cargo entre 2015 e 2020, defendeu a contratación pública da Xunta e a xestión realizada durante a pandemia, na que destacou a "importancia" do presidente galego de entón, Alberto Núñez Feijóo, como "especialista maior".
Na súa comparecencia na comisión de investigación sobre a contratación pública da Xunta, o actual alcalde de Baiona asegurou que o Goberno galego adoptou "solucións" que foron importantes, fronte aos "erros" que cre que cometeu o Goberno central, e fíxose "un bo traballo", con procesos que "foron escrupulosos coa normativa" a pesar da situación de emerxencia.
Entre os acertos da Xunta citou a creación do comité clínico, de 33 persoas "con nomes e apelidos" lideradas por Núñez Feijóo, que era "o especialista maior, entre todos os de rango político dese nivel", xa que contaba con "nove anos de experiencia", segundo Almuiña, aínda que entón levaba once anos no cargo.
Grazas a esta traxectoria, Feijóo, que non está entre os comparecentes nesta comisión a pesar das reiteradas peticións da oposición, puido "colaborar coa súa experiencia e escoitar a xente que estaba nas áreas sanitarias todos os días".
O exconselleiro insistiu en varias ocasións en que aos 33 profesionais do comité clínico se lles debería facer "unha homenaxe" polos protocolos que elaboraron para mellorar a situación e decisións como a de pechar a comarca da Mariña lucense unha semana antes das eleccións autonómicas de 2020, que "foi moi dura e moi drástica" pero cre que efectiva.
Tamén defendeu as decisións temperás que adoptou a Xunta, como a compra de respiradores ou a creación dun "stock estratéxico" de material e a centralización das compras, con empresas que considera que demostraron a súa solvencia "no día a día", un total de 62, das que "o 78 % eran provedoras habituais".
Entre elas citou a Sibucu 360, unha das contratacións criticadas pola oposición, que para a Xunta foi solvente: "Puxo as máscaras, e nós pagámolas", apuntou o exconselleiro.
Pola contra, Almuíña criticou que o Goberno central cometeu "erros" como "decisións que non se tomaron", entre elas a "tardanza" en declarar o estado de alarma ou a "falta de control" dos aeroportos e a súa "incapacidade" para realizar compras centralizadas, e tamén un "infrafinanciamento de Galicia", especialmente durante a primeira etapa da pandemia, xa que o diñeiro que recibía a comunidade autónoma era inferior "ao que lle correspondía por poboación".
Na oposición volveron reprochar a contratación de emerxencia realizada pola Xunta en pandemia con empresas "que non eran solventes", como Sibucu, segundo o deputado do BNG Óscar Insua, quen denunciou o "uso fraudulento de mecanismos" de contratación como a división en contratos menores, dos que houbo "unha auténtica animalada".
Para a deputada do PSdeG Patricia Iglesias, estas prácticas da Xunta reflicten "un modus operandi durante 16 anos" para a "contratación a dedo" sen concurso público para "favorecer as empresas con vínculos persoais e familiares" con cargos públicos do PP, coma o propio Feijóo.
O PPdeG acusou os socialistas de estaren a insultar, cando non imputando directamente un delito, os funcionarios públicos das mesas de contratación. O deputado Roberto Rodríguez díxolle a Iglesias que se é certo ten que ir ao xulgado e considerou que BNG e PSdeG só son "parvos útiles", un para o outro, en Madrid e en Galicia.
Actitude "obstrucionista" de Vigo co Cunqueiro
Con respecto á construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, outra das contratacións que se investiga nesta comisión, por un suposto sobrecusto de 470 millóns de euros ao optar polo sistema de concesión, o exconselleiro criticou a actitude "claramente obstrucionista" do Concello de Vigo e a súa falta de apoio para esta obra fundamental para a área sanitaria.
Ao mesmo tempo, reivindicou o "control exhaustivo" da concesión que realizou a Xunta, citando o propio informe do Consello de Contas, que fiscalizou a contratación das obras, e que a obra se fixo nun "tempo récord" dentro dunha reorganización da área sanitaria que mellorou a calidade asistencial "de forma notable".