A Xunta amplía a zona afectada pola flavescencia da vide nas provincias de Pontevedra e Ourense
A Xunta amplía a zona afectada pola flavescencia da vide nas provincias de Pontevedra e Ourense
Trátase dunha enfermidade transmitida por un insecto que pode chegar a causar a morte das cepas
As plantas afectadas pola praga deben ser arrincadas e destruídas canto antes
A Consellería do Medio Rural ampliou a zona afectada por praga da flavescencia dourada da vide nas provincias de Pontevedra e Ourense.
Trátase dunha enfermidade provocada por un fitoplasma e transmitida por un insecto (Scaphoideus titanus) que pode chegar a causar a morte das cepas.
En concreto, os concellos que contan con parcelas incluídas na listaxe de zonas infestadas na provincia de Ourense son: A Arnoia, Cortegada, Gomesende, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado e Ribadavia. Ademais dos anteriores, atópanse nas zonas tampón para detectar posibles plantas infectadas: Castrelo de Miño, Melón, Cartelle e Ramirás.
Por parte de Pontevedra están: A Cañiza, Arbo, As Neves, Crecente, O Rosal, Oia e Tomiño. A maiores, atópanse en zonas tampón: Tui, Salvaterra e Salceda de Caselas.
Dentro da zona demarcada, os titulares das parcelas nas que se detecte a presenza de plantas infectadas ou insectos vectores da enfermidade deberán aplicar canto antes un tratamento insecticida autorizado.
As plantas afectadas pola praga deberán ser arrincadas e destruídas canto antes. O máis recomendable é que esta destrución sexa realizada in situ.
No caso de que a parcela afectada teña máis dun 20 % de plantas sintomáticas, deberán arrincarse e destruírse todas as plantas da parcela no caso de que as plantas afectadas non estean agrupadas. Sucede o mesmo no caso de zonas abandonadas.