A Xunta ofrecerá en 2025 cursos de lingua galega a sanitarios para incrementar o seu uso
A Xunta ofrecerá en 2025 cursos de lingua galega a sanitarios para incrementar o seu uso
Tamén se compromete a revisar todo tipo de documentación e sinalización, para garantir que todos os contidos figuren na lingua
Os conselleiros de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presentaron este venres as novas medidas que a Xunta poñerá en marcha nas próximas semanas para incentivar o uso da lingua galega no ámbito sanitario.
Entre estas medidas destacan os cursos de galego que o Servizo Galego de Saúde incluirá en 2025 no seu plan de formación para mellorar a atención a pacientes galegofalantes.
Esta será unha das primeiras accións deseñadas polo Goberno galego "ao amparo do Pacto pola Lingua", indica a Xunta nun comunicado, coa finalidade "de impulsar e prestixiar o idioma en diferentes ámbitos da nosa sociedade".
Neste sentido, o responsable de Lingua destacou a posta en marcha de medidas específicas en ámbitos como o da Sanidade ou a Xustiza e dixo que "son algunhas das actuacións inmediatas que estamos a sacar adiante" para impulsar a lingua e que se complementarán ao longo dos próximos meses con outras accións.
Pola súa banda, o titular de Sanidade remarcou que o Servizo Galego de Saúde xa proxecta nos centros sanitarios a campaña 'Saca a lingua que levas dentro', impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, coa cal se busca dar visibilidade ao uso do galego tanto por parte dos profesionais como dos usuarios.
As propostas que se activarán no ámbito sanitario inclúen desde cursos ata a revisión da documentación para que estea asegurada a oferta en galego. Así, a Administración autonómica ofrecerá cursos, en modalidade de autoformación, para reforzar o coñecemento do léxico relacionado coa sanidade e potenciar a interacción con pacientes galegofalantes.
Trátase dunha proposta dirixida especialmente ao persoal sanitario non galego que careza do título acreditativo de coñecemento da lingua e potenciarase coa concesión dun punto na carreira profesional.
Ademais desta iniciativa, o Goberno autonómico tamén revisará todo tipo de documentación posta ao dispor dos usuarios, así como a sinalización provisional colocada polo persoal dos centros, para asegurar que o seu contido figure en galego. Isto compleméntase co envío de directivas e circulares que lembren a todo o persoal que a lingua preferente de atención e uso será a galega.
Doutra banda, as novas accións deseñadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude xunto coa de Sanidade tamén pretenden garantir a instalación en lingua galega de todos os contidos dixitais que se exhiben nos centros sanitarios, incluídos os de procedencia foránea.
"Todas elas son medidas incluídas pola Xunta para a actualización prevista do plan xeral de normalización da lingua galega, unha das propostas principais que se lles formulou aos grupos parlamentarios nos encontros mantidos durante as pasadas semanas no marco das conversacións para lograr un Pacto pola Lingua", indica a Xunta.